Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FORO ORGANIZADO POR GRADIANT

O futuro inmediato das telecomunicacións debateuse en Vigo

O director xeral de Comunicación Audiovisual explicou as posibilidades que ofrecen as frecuencias de UHF que quedarán libres despois do apagamento analóxico.

Redacción - 13:00 01/11/2008

O centro tecnolóxico galego das telecomunicacións, Gradiant, debateu este venres na escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo sobre o futuro do espazo radioeléctrico e o chamado dividendo dixital. En pouco máis dun ano, co cesamento das emisións da televisión analóxica, quedarán libres moitas frecuencias que se poderán empregar para ofrecer novos servizos dixitais.

Na xornada estiveron presentes os expertos internacionais Joseph Mitola e Peter Stuckmann e mais o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Xosé Fernández Iglesias. O representante do Goberno explicou que a banda de UHF que quedará libre é moi cobizada por proveedores de servizos de telecomunicacións, pois conxuga un alcance moi amplo cunha gran capacidade de transmisión de sinais.

Os seus posíbeis usos van dende a telefonía móbil até a internet sen fíos, pasando por comunicacións oficiais e de emerxencia das administracións públicas, aínda que tamén pode manter as mesmas funcións que até agora e servir para aumentar aínda máis a oferta televisiva.

No Estado Español aínda non está regulado o futuro uso deste dividendo dixital, o que supón un reto para as administracións públicas, encargadas de xestionar e de asignar os recursos aos operadores. Noutros lugares do mundo xa se están a deseñar os próximos servizos. Así, por exemplo, Google xa amosou o seu interese por prestar o servizo de internet sen fíos nos Estados Unidos.

Fernández Iglesias tamén explicou un novo enfoque que existe para o uso desas frecuencias: os sistemas cognitivos de telecomunicación ou radio cognitiva. Consiste en que os equipos de radiodifusión non teñan unha frecuencia fixa asignada, senón que teñan a intelixencia suficiente como para detectar e analizar as emisións que reciben no seu contorno, seleccionar unha canle libre e usala do xeito máis eficiente.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: