Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Iolanda Díaz, tenente de alcalde cesada

"Non sei quen asesora a Irisarri, pero con esta estratexia suicida non van sacar ningún proxecto adiante"

A responsábel local de Esquerda Unida insiste nesta entrevista en que foi o alcalde ferrolán e non o PSdeG o que fixo imposíbel a negociación.

Fernando Arrizado - 20:00 30/10/2008
Iolanda Díaz

Iolanda Díaz

Vieiros: Por que o alcalde (Vicente Irisarri, PSdeG) decide romper a coalición de goberno en Ferrol e cesar os concelleiros de Esquerda Unida (EU)?
Iolanda Díaz: A única explicación que atopo é a que el mesmo deu na conferencia de prensa, que xa levaba varios meses pensando en facelo. Non está afeito a negociar, ten unha capacidade nula para se sentar a falar. O seu estilo de gobernar é dar mandos e ordenar.

E por que EU quere revisar agora os salarios se en 2007, xusto ao chegar ao goberno, votaron a favor de os subir?
O grande erro que cometeu Esquerda Unida foi non introducir no acordo de goberno esta cuestión; pecamos de inexperiencia. Porque unha vez tomada posesión, a primeira decisión e convocar un pleno para abordar a subida de salarios. Sorprendeunos porque o soldo do señor Irisarri inclúe, entre outras cousas, o que cobra de dous consellos de administración. Estivemos pechados até as tantas da noite pero a súa posición era inamovíbel. Chegamos a conclusión de que ou cediamos ou non se chegaba a formalizar o goberno.

E votaron a favor...

Votamos a favor pero tivemos unha intervención durísima, pódese consultar nas actas de goberno. Ademais, EU aprobou un documento político e así llo quixemos facer chegar á cidadanía en que se acordaba mudar esta situación en canto se puidese. E no mes de xuño aprobouse outro documento político ao respecto da revisión retributiva. Tampouco queremos facer demagoxia con este asunto. Somos conscientes de que os cargos públicos teñen que cobrar soldos dignos que lle permitan a calquera persoa acceder á política. Pero todo ten un límite. Rosa Aguilar (IU), que é alcaldesa de Córdoba, unha das cidades máis importantes de España, cobra 52 mil euros.

Como valora que Irisarri decida reducir o seu soldo un 10% despois de toda esta polémica e unha vez roto o acordo de goberno?

É unha actitude demagóxica, cando cinco días antes porfiaba en que non o ía baixar un céntimo. Faino porque sabe que a oposición lle vai baixar o salario. Sábeo ben. E creo que a cidadanía entende estas cousas. Houbo unha negociación até o último momento, propoñendo recortar unha determinada porcentaxe, pero en xuño pechou as portas ao diálogo. Insisto en que o obstáculo é o señor Irisarri, non o PSOE. E supoño que percibe esta frustración, porque chegaba con fama de bo xestor, pero o convenio con Defensa está paralizado, e cada vez que vai a Madrid vén coas mans valeiras... será bo xestor nas súas empresas porque no Concello non.

Nestes meses tamén houbo outros conflitos entre concelleiros do seu grupo e o alcalde, por exemplo a raíz da folga da Policía Local...

Todo o mundo soubo que o señor Irisarri pactou por detrás coa UXT (sindicato minoritario no Concello de Ferrol, con delegados só na Policía Local) unhas condicións malas, cando na mesa de negociación se estaba a avanzar no acordo coa CIG e CCOO. Foi outra das mostras de lealdade do alcalde.

Dentro do positivo, poderíase destacar o proxecto de participación cidadá na elaboración dos orzamentos para o ano que vén, non si?

É que o propio movemento veciñal foi o que máis nos defendeu estes días. Neste proxecto participaron máis de 80 asociacións... Eu creo que o PSOE como calquera forza de esquerdas defende a participación, o problema é o alcalde que tenta paralizar este tipo de iniciativas porque lle gusta gobernar por decreto. Literalmente, sobre este tema dixo: "A min non me goberna ninguén dende fóra". Pero o importante é que lle demostramos á cidadanía que hai outro xeito de facer política, que houbo un cambio substancial en diferentes eidos como o de Cultura, aínda que me dea algo de pudor dicilo porque era a miña área...

Que futuro lle agoira ao actual goberno?

Teño unha profunda tristura porque había unhas ilusións tremendas de sacar adiante estes proxectos. Creo que é un auténtico disparate. É unha estratexia suicida. Non sei quen o asesora (a Irisarri), pero non van sacar ningún proxecto adiante, e ademais abríronlle ás portas do goberno de Ferrol á dereita. Está en mans do PP.


4,44/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: