Unha longa enfermidade acabou coa súa vida este mércores en Vigo. Será soterrado o venres ao mediodía no cemiterio do Barqueiro.
Anxo Rei Ballesteros (Codeso, Boqueixón, 1952) situouse sempre á marxe do sistema literario galego, mais no centro do canon, eloxiado pola crítica e premiado, por exemplo, co Ramón Piñeiro, o Pedrón de Ouro ou o Losada Diéguez. Dos anxos e dos mortos (1977) está considerada unha das novelas clave sa literatura galega do século XX, marcando a fronteira entre a literatura do franquismo e a nova literatura. En opinión de Dolores Vilavedra, "a escasa difusión que conseguiu no seu día, entre outras razóns pola mínima visibilidade pública do seu autor, privárona de exercer esa función inaugural". Aquela novela fragmentaria e moderna significaba a fin do realismo social e abría unha nova etapa.
Quince anos despois chegou Loaira, en 1992, de novo rompendo esquemas e anticipándose ao seu tempo; é segundo o crítico Xoán González Millán "un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da historia da narrativa galega". E en 1998 o conxunto de relatos A sombra dos teus soños. En 2005 chegou a súa derradeira novela, Non sei cando nos veremos, editada por Galaxia, que a través da lingua oral e a narración directa realizaba unha crítica contundente da moral e as formas de vida da sociedade actual.
O autor, que residía na Pobra do Caramiñal, tamén se introduciu no teatro (en 1988 publicou a obra Xogo de damas) e mais no ensaio filosófico, escribindo A outra memoria (1989) e Tempo e vinganza (2003), co que gañou o premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2002.
Homenaxe no Café Voltaire
A tertulia literaria do Café Voltaire, que se celebra no Central Pork de Vigo, rendiu hai dúas semanas unha homenaxe a Rei Ballesteros, na que se leron algúns dos seus textos e se debateu sobre a súa importancia na literatura galega contemporánea. Xosé María Álvarez Cáccamo e Carlos Fernández lembraron a súa relación con Ballesteros; Damián Villalaín leu un conto de A sombra dos teus soños e Basilio Lourenço falou do Ballesteros ensaísta, con quen Carlos Fernández -que tamén glosou a súa figura como pensador- escribiu conxuntamente.
Nesta dimensión da poliédrica persoalidade intelectual de Ballesteros, fíxose unha mención ao seu concepto de "tempo", exposto polo miúdo no seu excelente ensaio Tempo e vinganza. Foron tamén numerosas as mensaxes de adhesión, entre eles de Xosé Fortes e Xosé Luís Méndez Ferrín, que non puideron estar presentes.