As obras do monte Gaiás recibirán 41 millóns de euros en 2009, case un terzo dos cartos destinados a partidas culturais.
A Consellaría de Cultura e Deporte disporá en 2009 de case 179 millóns de euros, o 3,2 por cento menos respecto ao pasado exercicio, á espera das achegas económicas que debe realizar o Ministerio. Globalmente, os orzamentos da Xunta crecen este ano algo máis dun catro por cento. Ánxela Bugallo, expuxo as contas ante a Comisión 3ª do Parlamento, anunciando que o seu departamento priorizará os investimentos en bibliotecas, museos e arquivos, así como nas industrias culturais.
A partida global asignada á Consellería de Cultura repartirase entre os 137,4 millóns para políticas culturais e patrimoniais e os 41,25 millóns a políticas deportivas. En canto aos principais programas, destacan os 9,34 millóns de euros (incorporados xa os 1,2 millóns achegados polo Estado) para a rede de bibliotecas, fomento da lectura e promoción da edición; ademais, a Axencia Galega das Industrias Culturais disporá de algo máis de 17 millóns para este ano. Ánxela Bugallo destacou a elaboración do Plan Galego da Industria Musical, que artellará un programa de actuación a catro anos similar ao elaborado para as artes escénicas, fixando obxectivos e un espazo de colaboración entre as institucións, empresas e creadores que axuden a desenvolver as enormes potencialidades do sector.
A Cidade da Cultura, pola súa banda, recibirá un investimento de 55,3 millóns, que se obtén dos recursos da propia Fundación encargada da xestión do complexo e dos case 41 millóns que aportará a Consellaría de Cultura.
Críticas do PPdeG, apoio de BNG e PSdeG
Ignacio López-Chaves (PPdeG) denunciou que a Consellería de Cultura é a segunda que máis baixa nos seus orzamentos en 2009, só por diante da Consellería de Pesca. "Cada vez interesa menos a cultura a esta Xunta", asegurou.
Pola contra, os partidos que conforman o goberno apoiaron sen matices as contas do departamento. Xosé Ramón Paz Antón (BNG) salientou que "en momentos de incerteza económica" se conte con recursos para "impulsar o sector de industrias culturais". Francisco Cerviño (PSdeG) resaltou a "gran coherencia interna" das contas defendidas por Ánxela Bugallo, que enmarcou na aposta da Xunta polas políticas activas de emprego e as políticas sociais.