Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Cousa de todas as Consellerías

Vázquez pide a "discriminación positiva" dos habitantes de zonas protexidas

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, avogou hoxe por unha "discriminación positiva" das persoas que residen en espazos protexidos e, tras referirse en concreto aos 5.000 habitantes dos parques naturais galegos, reivindicou a necesidade de "consentilos e traelos en palmitas", algo que, segundo el, debe facer "todo o goberno".

Redacción - 18:25 28/10/2008

Neste sentido, Vázquez recoñeceu a "debilidade" da Administración autonómica para conseguir o "crédito cidadán" e, deste xeito, poder superar a situación herdada do anterior Goberno popular, que baseou no "antagonismo" entre a protección do medio ambiente e o desenvolvemento das zonas protexidas.

Así, apostou por implantar o "modelo contrario" a través do "rigor científico" e do "consenso" cos habitantes dos espazos protexidos e, para iso, considerou que o Goberno galego ten que "redobrar esforzos". "Se para a cría de ama de cría damos x nun terreo normal, nunha zona protexida temos que dar 2x", ilustrou a modo de exemplo.

No entanto, deu por feito que a actual Xunta xa traballa con este obxectivo e, tras afirmar que está "en conversacións" coa Consellería de Medio Rural neste sentido, referiuse tamén ao programa 'Parques para vivir' posto en marcha polo seu departamento para mellorar a calidade de vida dos residentes en parques naturais.

ESTACIÓN BIOLÓXICA DO COUREL

O titular de Medio Ambiente fixo estas declaracións tras a firma dun convenio co reitor da USC, Senén Varro, para a posta en marcha da Estación Biolóxica do Courel. Segundo Vázquez, esta infraestrutura supón un "paso moi importante" para a futura declaración de Parque Natural do Courel, que, subliñou, "non debe facerse por decreto" senón a través do acordo coa cidadanía.

Por iso, rexeitou dar unha data para iso e asegurou non estar "tan preocupado" porque este novo parque natural "salga xa", como piden algúns colectivos ecoloxistas, senón por buscar a "implicación" dos habitantes da zona.

No entanto, apostou por "non degradar máis esta zona" e, como proba, referiuse ao "compromiso" da Xunta de non autorizar máis canteiras nos Ancares así como aos proxectos de recuperación das zonas afectadas pola explotación mineira, que realizarán traballadores en dificultades laborais como as louseiras.

Tamén a Estación Biolóxica do Courel dará apoio a aqueles proxectos que favorezan o progreso social e económico da comarca e fomentará a investigación e a formación no ámbito do medioambiente e o desenvolvemento rural sostible.

Segundo o convenio rubricado hoxe pola Xunta e a USC, ambas as entidades levarán a cabo actividades relacionadas coa promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e, entre outras posibilidades, tamén colaborarán na programación de cursos de verán da universidade.

CENTRO DE REFERENCIA

Para Váquez, este centro será "de referencia" e terá "especial incidencia" no progreso económico da comarca lucense e permitirá "valorizar o importante patrimonio natural da zona". Ademais, puxo este acordo como exemplo da "estreita colaboración" entre Medio Ambiente e a universidade compostelá, que, segundo detallou, permitiu asinar nos últimos tres anos un total de 23 convenios por un importe de 1,5 millóns de euros.

Pola súa banda, o reitor da USC considerou que este "non é un proxecto máis" e considerou que esta infraestrutura reforzará a "xa demostrada" da USC na investigación biolóxica. Así, Senén Varro destacou a importancia da rede de estacións con que conta a USC, "incomparable" en ningunha outra universidade española.

Este será o primeiro centro de investigación científica de Galicia especializado no estudo da bioloxía do ecosistema de montaña e sumarase á Estación Marítima da Graña, en Ferrol --especializada no estudo do litoral-- e á Estación de Hidrobiología de Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa -dedicada ao estudo de augas doces-.

Segundo o acordo asinado hoxe, a USC levará a cabo a construción da estación, un edificio de nova planta, mentres que Medio Ambiente destinará 300.000 euros para o financiamento das obras e a dotación do equipamento do centro.

A USC contribuirá tamén cun investimento complementario demais de 300.000 euros e cederá á Consellería un espazo que se empregará como gardería.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: