Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
II BIENAL 'DE PEDRA E DE PALABRA' DO PEN CLUBE

"O Capital usa o tempo para enriquecerse, a literatura desenmascara con el a realidade"

Anxo Angueira definiu deste xeito a función social da literatura nunha mesa redonda sobre a relación entre letras e a crise mundial.

M.S.P. - 09:30 28/10/2008

A primeira xornada de debates na II Bienal 'De pedra e de palabra' organizado polo Pen Clube de Galicia dedicou a súa sesión vespertina a debater a relación entre 'literatura e crise mundial', coa presenza na mesa redonda de autores de moi distintas procedencias: Eduardo Bettencourt Pinto (Angola), Solomon Hailemariam (Etiopia), Kanat Kabdrakhmanov (Kazakhstan) e Anxo Angueira. Foi precisamente Angueira quen máis claro falou: despois de criticar con dureza o actual sistema económico, "é a cara máis terríbel do capitalismo serodio (...) xa non é sequera a explotación do home polo home, senón a rapina feroz", puxo en dúbida o propio concepto de crise aplicada a este fenómeno: "é unha crise de papel, non industrial; crise mundial é morrer de fame fronte á civilización do consumo".

Angueira continuou a súa exposición fixando a función que a literatura debe ter na sociedade criticando a figura do 'intelectual comprometido': "xa cansa (...) a relación do escritor coa realidade non é distinta á de calquera cidadán; o seu principal compromiso é a creación literaria: fala do real, porque non hai literatura sen sociedade, e todos os textos son políticos". E concluíu: "O capital usa o tempo, a literatura loita con el; o tempo é unha cadea pola que os amos se enriquecen; para a literatura é unha ferramenta pola que a literatura desenmascara a realidade".

En canto á literatura galega, Angueira dixo que "Galiza sempre estivo atenta ás crises, literarias, políticas ou económicas". Citou como exemplo as ligazóns de Rosalía coas literaturas europeas do seu tempo, o compromiso político e social de Ferrín ou Novoneira, ou a obra de autores novos como María Reimóndez e Daniel Salgado.

Literaturas africanas?
Pola mañá, a mesa redonda 'Literaturas africanas emerxentes' contou coa participación de Justo Bolekia Boleká (Guinea Ecuatorial), Wilfrid Miampika (Congo), Jorge Arrimar (Angola), xunto a Manuel Outeiriño. Os autores concidiron na dificultade de xeneralizar sobre o concepto de 'literaturas africanas', debido á diversidade cultural e lingüística do continente. Así e todo, Miampika si percorreu algunhas "problematicas comúns das literaturas africanas", como por exemplo a presenza constante da violencia en todas elas "dunha maneira real ou simbólica". Bolekia, pola súa banda, incidiu na necesidade "de preparar ás nosas sociedades, para que consuman os nosos produtos culturais" e criticou as dificultades que sofren os autores do continente para escribir nas súas linguas nativas.

Bolekia foi especialmente crítico co propio concepto que daba nome á mesa redonda, 'literaturas emerxentes': "impóñennos estes termos para facernos ver que literaturas que supostamente son nosas debe pasar formar parte do sistema das literaturas occidentais como 'literaturas africanas emerxentes'; esa etiqueta supón a morte das literaturas africanas".

Finalmente, Xosé Manuel Outeiriño reclamou a "non exotizacion da literatura africana" e lebrou os vencellos que unen a Xosé Luís Méndez Ferrín con algúns autores daquel continente, como Amos Tutuola, co seu "inglés asintáctico, moi pegado á realidade é ao cotiá, moi semellante á lingua que podemos ler, por exemplo, en Bretaña Esmeraldina". De igual xeito, Outeiriño falou do concepto da "literatura inflaccionista", que identificou cunha gran parte "das literaturas que hoxe se teñen por sofisticadas", e que que ligou ao momento polo que atravesan os mercados financeiros neoliberais: "espero que esa literatura falsa e enganosa, pinche tamén", dixo o poeta e ensaísta.


5/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: