Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Novo paso de costas á lingua

O PPdeG vota contra o desenvolvemento do plan de normalización

Na súa alocución contra a aplicación do plan, a deputada López Besteiro acusou primeiro a PsdeG e BNG de "fraguismo lingüístico" para, entre os risos da Cámara, cambiar a expresión a "franquismo lingüístico".

Redacción - 09:00 23/10/2008

O Parlamento asistiu este mércores a un novo chanzo na escenificación da renuncia do PPdeG aos principios do consenso que no seu momento conseguiran a aprobación do Plan de Normalización Lingüística, daquela e paradoxalmente, baixo o propio goberno do PPdeG.

A expresión "si ao plan, pero no marco da lei e o Estatuto", foi un dos circunloquios cos que a deputada luguesa Manuela López Besteiro, rematou amosando que o seu partido non pedirá a derrogación do propio Plan, tal e como lle solicitan algunhas asociacións contra o galego, pero si criticará todo intento de aplicalo a través das iniciativas concretas que o Plan recomenda. Así e todo, de xeito específico si insistiu López Besteiro en que o PP derrogará, se recupera o poder, o decreto do galego no ensino. De paso, Besteiro acusou o Goberno de suprimir da nova edición do Plan de normalización lingüística a introdución que asinaba o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga.

Finalmente, o Parlamento aprobou cos votos a favor de PSdeG e BNG unha iniciativa na que insta a Xunta "a continuar impulsando a plena normalización do galego en todos os ámbitos, en cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". O PP votou en contra. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, xustificou posteriormente a posición do seu partido en que socialistas e nacionalistas non lles convidaran a negociar o texto concreto da iniciativa. O argumento foi rexeitado polos socialistas, recordando que convidaron directamente, con pouco éxito, á voceira popular Manuela López Besteiro a dialogar ao respecto.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: