Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Advertencia dos ecoloxistas

Unha Lei de Residuos que "non valerá de nada" se non hai plan concreto e ambicioso

Comarcalización, tratamento técnico eficiente e esforzo para a concienciación cidadá son claves que non quedan claras no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia.

R. Noguerol - 17:15 22/10/2008

"O simple feito de aprobarse, en principio, é bo", concede Fins Eirexas, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), ao respecto da recente beizón parlamentaria á nova Lei de Residuos. Eirexas recorda ademais que no seu momento a Consellaría de Medio Ambiente aparcara as ideas iniciais coas que pretendía apostar por unha "Sogama do S.XXI" baseada nun modelo de incineración longamente criticado por partidos e asociacións. Nese sentido, desde Adega agardan que Medio Ambiente sexa sensíbel ás reclamacións agora presentadas para que se modifiquen os proxectos concretos para a xestión de residuos. O debate chegará outra vez esta quinta feira ao Consello Galego de Medio Ambiente, que reúne a representantes do movemento asociativo coa administración.

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) xa achegara no seu momento recomendacións, onde se sinalaba que sen necesidade de orzamentos adicionais era posíbel camiñar cara a un modelo de xestión que suprimise ao completo a contaminante incineración. Como, onde, con que recursos e de que xeito se van tratar os residuos son preguntas que en opinión de Fins Eirexas non quedan agora claros no plan que a consellaría expuxo e que a Xunta trataría de despregar até o ano 2017.

Na súa opinión, no marco xeral dunha lei que estea adaptada á lexislación europea, como xa fora o caso da deseñada polo PP, unha administración pode deseñar plans concretos que pervertan por completo as recomendacións e principios da norma, "como xa foi o caso da etapa Fraga no Goberno". Ao respecto, María Durán, de Amigos da Terra, analiza que o propio marco europeo deixa reprochábeis buratos que favorecen propostas insustentábeis para a xestión de residuos. Recorda por exemplo que os eurodeputados aceptaron que se reclasificasen incineradoras de lixo como "recuperadoras", eufemismo que non oculta o impacto que estas instalacións suman á emisión de gases de efecto invernadoiro.

"Decepción" co proxecto inicial
No aspecto positivo, os ecoloxistas ven "motivos para a esperanza" no borrador presentado, xa que lle dá importancia á redución, separación en orixe, reciclaxe e compostaxe. No entanto, apuntan eivas importantes a resolver. A primeira prioridade citada polo movemento ecoloxista ten que ver coa "inexistencia dunha comarcalización efectiva".

A FEG asinou un informe enviado á consellaría, onde en favor da descentralización sublíñase que para que un plan de residuos funcione "non fai falla construír unha planta tan cara e difícil de xestionar como a de Nostián". Sinala Fins Eirexas que foi positivo que a Xunta escollese inspirarse no modelo pioneiro da Mancomunidade de Municipios de Barcelona, pero que a continuación, non deseñou unha aplicación "específica para a realidade galega". Nese sentido, as tres novas instalacións contempladas no Plan serían unha descentralización insuficiente sobre o modelo Sogama e estarían "lonxe do principio de proximidade" recomendado.

En Verdegaia salientan que a estratexia de onde se debe partir leva anos sendo avalada por colectivos diversos en todo o mundo e baséase nos "tres R: reducir, reutilizar e reciclar". Ao fío, recordan que tradicionalmente a reciclaxe o único dos tres eixos que recibiu apenas algún apoio en Galiza. Amigos da Terra repara no pouco aproveitado sistema da compostaxe doméstica, lembrando que o 52% do lixo nos fogares é orgánico. Indican que se trata de prácticas que se introduciron con éxito noutros lugares e que a dispersión xeográfica galega recomendaría insistir nisto.

De xeito específico, en Adega refírense ao problema de tratamento anaerobio da materia orgánica, un modelo de biometanización similar ao que se tratou de impulsar en Nostián, e que dá como resultado un compost de baixa calidade. Citan nese sentido o caso de Lousame, cun tratamento "aerobio" que reduce os subprodutos. Vencellado a este problema citan tamén os ambientalistas a necesidade de que se deixe claro que haberá un esforzo para a concienciación cidadá. Aquí outra vez, o exemplo coruñés de Nostián é mostra de como a ambición inicial das campañas tivo como froito un elevado compromiso social na separación de residuos e como en canto se suprimiu este esforzo a calidade do compost producido viuse afectado pola deficiente separación en orixe.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: