En novembro celebrarase en Pontevedra o V Encontro Internacional de Pandeiros de Mao, e en decembro Compostela acollerá o primeiro concerto dos alumnos.
aCentral Folque non só son as aulas. A partir do 26 de outubro todos os domingos terá lugar un concerto dalgún dos profesores do conservatorio, que se celebrarán en distintos centros socioculturais de Compostela, como o de Conxo, Fontiñas ou o Castiñeiriño. Así, o 26 actuará o dúo de gaita e tambor de Edelmiro Fernández e Francisco Estévez "Chuco", o 2 de novembro estarán Ugia Pedreira e Óscar Fernández, e o 9 de novembro Roberto Sala realizará unha mostra de instrumentos populares do mundo.
O sábado 8 de novembro presentarase un novo número da revista de etnomusicoloxía Etnofolk cunha conversa titulada "Uxía e Emilio Cao no espello". O 22 de novembro Ugia Pedreira, Mercedes Peón, Noel Feáns, Patxi Valera falarán sobre "Camiños musicais por transitar". E o 29 Olga Nogueira, Sergio Lago, Vitor Belho e X.L.Romero debaterán sobre a "Internacionalización da música galega".
Entre o 14 e o 16 de novembro celebrarase en Pontevedra o V Encontro Internacional de Pandeiros de Mao, e en decembro Compostela acollerá o primeiro concerto dos alumnos. Xa en febreiro chegará a xira galega da 'Descarga ao Vivo: Cuba-Galiza'. E en marzo Narón será o escenario do V Encontro de Zanfona Contemporánea.