Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
V. CRESPO, PRESIDENTE DE 'MÉDICOS DE GALIZA INDEP.'

"Non nos opoñemos ao plus de exclusividade, só pedimos igual salario"

Diversos colectivos sociais critican que os médicos, que volven á folga o martes, teimen en reclamar privilexios malia non comprometerse co sector público.

Isabel G.Couso - 13:30 20/10/2008

Unha boa parte dos médicos galegos está en pé de guerra. Así o demostra o seguimento que tivo o seu último paro, convocado a pasada semana, e no que participaron o 43,3% dos doutores, biólogos, químicos e farmacéuticos do Sergas que compatibilizan o seu traballo coa privada (datos confirmados pola Plataforma Profesional de Facultativos de Galiza). Agora, nunha nova acometida, os doutores convocan unha folga indefinida, que xa é a cuarta das celebradas no que levamos de ano. Piden a modificación do complemento específico, no que se inclúe o devandito plus de exclusividade. A Lei de Incompatibilidades do ano 1984 recoñece este extra para os profesionais que se adiquen por completo á sanidade pública e que na actualidade ascende a 794,13 euros.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (Cesm – Galiza) e a Organización de Médicos de Galiza Independentes (O'Mega) consideran unha discriminación o pagamento deste complemento por realizar un mesmo traballo. Así nolo asegura Vítor Crespo, presidente de O'Mega, quen pide un novo sistema para premiar a exclusividade: "nós non estamos en contra de que aqueles profesionais que traballen só no Sergas reciban unha compensación, máis ben ao contrario. Somos partidarios de que se lle recoñeza esa adicación como xeito de evitar que marchen os profesionais". Non obstante, non entenden que esa diferenciación exista unicamente no salario: "nós defendemos que a igual traballo, débese de pagar o mesmo; parécenos ben que os que traballen só para o Sergas reciban unha maior retribución, pero sempre que esta obedeza a un traballo maior, sexa en forma de máis horas ou de maior responsabilidade".

Opinións en contra
En contra destas peticións xa se manifestou a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública, integrada polos sindicatos CIG-Saúde, CCOO e UXT, ademais da Confederación Galega de Asociacións de Veciños e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Rexeitan estes argumentos e negan que os médicos con dobre adicación estean discriminados por non percibir este plus e recordan que a exixencia da exclusividade é unha práctica habitual na empresa privada en xeral e tamén nos centros hospitalarios privados (como a Clínica POVISA de Vigo). Asemade, poñen o acento en que "optar pola dobre adicación é unha decisión libremente adoptada polos facultativos, polo que ninguén se pode sentir discriminado".

Con todo, a folga segue adiante e dende as organizacións convocantes lamentan que a Consellaría non teña feito ningunha proposta. Na última Mesa Sectorial de Sanidade abriuse a porta á prolongación da xornada laboral a cambio dunha maior retribución. Deste xeito aumentaríase o salario a todos aqueles que quixeran sumarse a esta posibilidade. Porén, dende O'Mega non aceptan esta proposta como solución: "o que ofrecen é cobrar máis por traballar máis... pois só faltaría... ademais é unha opción da que poden participar tanto os que cobran o plus como os que non". Ante estas posturas, de momento irreconciliábeis, todo apunta ao inicio dunha folga que, desta volta, ameaza con ser longa.


Ligazóns

2/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: