Para o presidente da Rede Galega de Empresas, Benigno Pereira, o goberno debe axudar aos traballadores, mais tamén ás pequenas empresas, que son os que máis sofren a crise.
"Agora mesmo estanse xuntando dúas cousas que se retroalimentan, a crise financeira e máis a crise de produción" díxolle a Vieiros Benigno Pereira, presidente da Rede Galega de Empresas, "isto leva a que as empresas produzan menos, haxa máis xente no paro, xente que consume menos, polo que tamén haberá menos produción... Esta situación acábana pagando sempre as empresas máis pequenas e os seus empregados", acrecentou.
Ao seu ver, "as cousas estanse tentando endereitar, poñéndolle couto á crise", mais pensa que tamén se debe contemplar "o castigo ao aspecto especulativo dos mercados financeiros", porque nos últimos tempos, dixo, "a economía organizouse arredor do consumismo e a especulación exacerbada", e as grandes entidades financeiras especularon con "cousas que son auténticas necesidades".
A solución: reactivar a economía produtiva
En relación ao aumento do paro que se prevé de cara a finais de ano, Benigno Pereira sinalou que "aínda que hai unha protección axeitada (que non é consolo, pero axuda a levar as penas), para que a xente non se vexa desamparada" o paro ha seguir indo en aumento. A solución que este empresario lle ve á situación é "reactivar a economía produtiva, na que operen empresas de xeito honrado, non en base á especulación". Neste sentido, Pereira sinalou que se debe "aprender das leccións, e crear unha nova orde económica con novos liderados, mantendo á nosa sociedade vixiante, observando como se vai construír este novo sistema, para que, a partir de agora Galiza non quede fóra da puxanza por atopar un sitio na economía mundial". O empresario tamén falou de reactivar a economía axudándolle ás pemes, sobre todo no noso país, "facilitándolles o acceso ao financiamento" porque, dixo, "os empresarios precisamos da ferramenta financeira para traballar, e, aínda que haxa boas ideas e xente boa, se non hai financiamento non hai nada".
Para ter a opinión de toda a patronal galega, Vieiros púxose en contacto tamén coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), porén, non puideron atender ás nosas preguntas.