A día de hoxe, os deputados do BNG votarían "non" no Congreso ás contas presentadas polo goberno español.
Até o de agora, as negociacións anuais do BNG co PSOE no Congreso arredor do proxecto de orzamentos do Estado foise resolvendo sempre de xeito favorábel, contando finalmente os socialistas co "si" do Bloque nesta votación.
Con todo, e ás portas do peche do prazo para a presentación de emendas, a negociación parece máis complicada nesta ocasión. Este xoves, o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, advertía de que de realizarse a votación nese momento "o BNG pediría a devolución" do proxecto de orzamentos para 2009, indicando que "hai distancias" nas posicións ao respecto. Jorquera avisou ademais de que a súa formación non valora a posibilidade da abstención, e de que no caso de que a negociación non chegue a bo porto, presentará unha emenda á totalidade este venres no Congreso.
Hai xa días, Jorquera sinalara entre as eivas principais das contas presentadas os "insuficientes" incrementos anunciados en materia social. Tamén cualificara de "pouco ambiciosa" a aposta do goberno español en materia de infraestruturas e I+D+i para afrontar a crise.