Miguel Anxo Murado e María Reimóndez enzabezan a delegación galega, na que viaxan case trinta editoriais.
Este mércores ábrese oficialmente a Feira do Libro de Frankfurt. Na xornada do martes Turquía, país convidado nesta edición, sucedendo a Cataluña neste recoñecemento, foi a protagonista, co Nóbel Orhan Pamuk como principal estrela literaria. Nun acendido discurso, Pamuk fuxiu do politicamente correcto, non calou e criticou a persecución de autores e xornalistas, así como a existencia de censura no seu país. As cifras de Frankfurt marean: 7.373 expositores, dun total de cen países e ofrecendo máis de 400 mil novidades literarias. Definitivamente, esta semana libro dise buch.
Galiza ten o seu espazo na Feira, cunha delegación formada por representantes de case trinta editoriais, e encabezada por Miguel Anxo Murado, María Reimóndez e Manuel Figueiras, presidente de Gálix. Ademais, o venres Ánxela Bugallo presentará Telling stories from Galicia, unha escolma en inglés de textos da nosa literatura realizada por Dolores Vilavedra. E durante a Feira tamén verá a luz un novo número da revista Galician Books, que fai unha análise da narrativa actual, centrándose nun feixe de autores destacados.
A feira alemá converterase, como cada ano, nun dos principais centros de negocio do globo para a compra e venda de dereitos de edición, obxectivos fundamentais da delegación de editores galegos que se desprazará ata o encontro. Alí estarán Biblos Clube de Lectores, Hércules de Ediciones, Edicións Xerais de Galicia, Ir Indo Edicións, Rodeira, Kalandraka, Faktoría K de Libros, Laiovento, Everest Galicia, Sotelo Blanco Edicións, OQO Editora, Editorial Galaxia, Nigra Trea, Baía Edicións, Alvarellos Editora, Toxosoutos, Linteo, Tambre, A Nosa Terra, Rinoceronte, Dos Acordes, Edicións do Cumio, Émbora, Espiral Maior, Edicións Positivas, Obradoiro, Ideaspropias e Nova Galicia Edicións.