Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Semana de Acción Global contra a Débeda

Os países do sur vólvense unir pola cancelación da débeda externa

Son cartos que poderían dedicarse a programas sociais, pero que os países ricos seguen demandando. A cifra foi medrando nas últimas décadas.

Redacción - 08:00 14/10/2008

O ano pasado os países do sur entregaron case 440 mil millóns de euros aos do norte en concepto de pago da débeda externa. A cifra, que foi aumentando considerabelmente nas últimas décadas, é para os países debedores un peso que os priva de dedicar os seus escasos recursos a infraestruturas ou a programas sociais precisos.

Con esta reivindicación comeza a Semana de Acción Mundial contra a Débeda, preparada por varias ONG por todo o globo, para exixir aos chamados países ricos de occidente que condenen e perdoen a débeda ilexítima, así como a fin dos intereses que reciben Ifis (institucións Financeiras Internacionais) como o FMI, o Banco Mundial, os Bancos Rexionais de Desenvolvemento. Este ano tamén se pide o pago da débeda ecolóxica aos países do sur.

Até o de agora, os países do norte obviaron estas reclamacións, que comezaron a se ouvir con forza a finais dos oitenta, collendo máis volume hai unha década. Só en Noruega a mobilización social fixo posíbel a anulación da débeda externa de Ecuador, por un crédito que se demostrou era fraudulento.

A débeda que afoga
Os datos demostran que, de non haber débeda, moitos países poderían destinar unha parte importante do seu orzamento a proxectos necesarios. Para saber do significado que ten a débeda externa nalgúns países chega con botarlle unha ollada ás cifras. Por exemplo, en 2005 Bolivia destinou o 33% do seu orzamento total a pagar a débeda, e Ecuador o 28%.

Os intereses dos créditos varían segundo a solvencia do país endebedado, aínda que normalmente os acredores acostuman aproveitarse da debilidade financeira destes países e piden intereses desorbitados. E cando os países endebedados se negan a pagar, o que adoita suceder é que se ven inmersos nun bloqueo internacional, após o que comezan a ter grandes dificultades para obter novos créditos, situación que desemboca, normalmente, nunha crise financeira interna. México negouse a pagar en 1982, feito que terminou nunha crise internacional. Unha das insolvencias declaradas máis coñecidas foi a de Arxentina, no 2001, que tivo unha importante repercusión internacional.

O Estado español tamén é acredor dunha débeda de 8.495 millóns de euros sobre a que hai moito tempo que non se debate.

Algunhas datas importantes nesta semana
O pasado domingo 12 de outubro foi o Día Continental da Resistencia ao Colonialismo e o Neoliberalismo Neocolonial (en América Central e do Sur). Esta segunda feira, 13 de outubro, é o Día de Acción contra a Débeda, as Institucións Financeiras Internacionais e a Mudanza Climática. Na terza (14 de outubro) celebrarase o Día de Acción contra as IFIs, a Débeda e as Privatizacións. O día 15 será o Día de Acción pola Repulsa á Débeda (cabodano de Thomas Sankara, ex-presidente de Burkina Faso que pediu a condena á débeda xusto antes de ser asasinado). A quinta feira 16 de outubro será o Día de Acción para a Soberanía Alimentaria, e a sexta, 17 de outubro, o Día de Acción contra a Pobreza.


Ligazóns

2/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz da Semana de Acción Mundial contra a Débeda
Cartaz da Semana de Acción Mundial contra a Débeda
Contra o pago da débeda externa en Arxentina
Contra o pago da débeda externa en Arxentina
Imaxe simbólica, atopada no Flickr de aidutxi18
Imaxe simbólica, atopada no Flickr de aidutxi18
En 2007 os países endebedados pagaron case 440 mil millóns de euros aos seus acredores / Flickr: quazie
En 2007 os países endebedados pagaron case 440 mil millóns de euros aos seus acredores / Flickr: quazie