Nada menos que 6 concesións para 15 instalacións hidroeléctricas de diverso tipo está a tramitar o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño para a conca do Miño-Sil, o que suma un total de máis de 1.500 megavatios.
Así, se desprende dunha resposta do Goberno a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, na que lle demandaba información sobre os proxectos en trámite, e solicitaba que a Xunta de Galiza teña competencias plenas sobre as autorizacións hidroeléctricas.
Xosé Manuel Pérez Bouza considera "un auténtico despropósito" que o departamento que dirixe Elena Espinosa non paralice estes proxectos, especialmente os de maior impacto medioambiental e paisaxístico, como o macroproxecto de Iberdrola en Santa Cristina de Ribas de Sil.
O senador nacionalista reafirma a necesidade de que a Xunta de Galiza asuma plenas competencias en materia de concesións hidroeléctricas para que a planificación enerxética de Galiza non se vexa interferida pola Administración Central.
Novos encoros na conca do Miño-Sil
Na súa resposta o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño informa de que hai en tramitación 6 solicitudes de concesión en augas dos ríos Miño e Sil para uso de produción de enerxía eléctrica.
En concreto, informa da petición de concesión no río Sil, no concello de Nogueira de Ramuín, por parte da empresa CIENER S.L. Salto da Moura, para unha potencia a instalar de 25.000 quilovatios (25 MW). En canto a súa situación administrativa, asegura que "a devandita solicitude atópase pendente do informe que ten que emitir o órgano competente da Comunidade Autónoma". Porén, Pérez Bouza asegura que "esta información é incorrecta xa que a Consellaría de Innovación e Industria emitiu informe desfavorábel contra este proxecto o 11 de decembro de 2007".
Outra solicitude, tamén no río Sil, é a de modificación das características do encoro de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín (Ourense). A empresa Iberdrola pede instalar 190 megavatios(190.000 quilovatios). A pesar de contar cun informe desfavorábel da Consellaría de Industria, do 11 de setembro de 2007, o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño formulou declaración de impacto ambiental favorábel para este proxecto o 23 de maio de 2008. Esta solicitude está pendente agora de que o organismo de xestión de conca -a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil- formule ao Ministerio a proposta para o seu outorgamento.
Tres novos encoros no Barco de Valdeorras
Ademais, o Goberno informa de existencia de tres solicitudes para construír outros tantos saltos no rio Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras. Son o Salto do Barco, da empresa Salto Fondo de Lugar S.L, cunha potencia de 7.560 kw; e dous proxectos de Iberdrola: Salto de O Barco, de 10.448 kw, e Salto de Arnado, de 9.566 kw. Esta solicitude está pendente de que se formule a Declaración de Impacto Ambiental.
Proxectos no río Miño
No río Miño, hai catro solicitudes de uso de augas para aproveitamento hidroeléctrico. Dúas da empresa Unión Fenosa para modificar os saltos de Belesar e Os Peares, e que suporían un incremento da potencia instalada en 16.500 e 19.500 kw, respectivamente. A outra solicitude é a da empresa Hidroeléctrica de Tosende S.L., que pretende construír un salto nos términos de Corgo e Guntín de Pallares, cunha potencia a instalar de 2.750 kw. Esta solicitude está pendente de que se formule a Declaración de Impacto Ambiental polo órgano competente do Estado.
Salto do Sela no río Miño
A cuarta solicitude no Miño é a do Salto do Sela, que promoven conxuntamente UNIÓN FENOSA e Electricidade de Portugal (EDP) no concello de Crecente (Pontevedra). O proxecto contempla a construción de tres saltos de 13.118 kw cada un. Sobre a súa situación administrativa, o Goberno informa ao BNG de que "en outubro de 2004 iniciouse o procedemento de impacto ambiental e foron trasladadas as consultas, estando pendente de recepción o expediente de información pública".
O macroproxecto de Iberdrola nos Canóns do Sil segue adiante
Sen embargo, o proxecto de maior impacto ambiental, o de construción dunha central de ciclo reversible nos canóns de Sil, no concello de Parada do Sil por parte da empresa Iberdrola, segue adiante.
O proxecto, cunha potencia de aproveitamento de 755 MW e a de bombeo de 631,11 MW, provocará un enorme impacto ambiental e paisaxístico ao perforar os canóns do Sil e construír unha enorme balsa na zona alta do canón, para volvela a turbinar dende unha caída de 590 metros.
"Un proxecto meramente especulativo que se quere beneficiar, a costa do medio ambiente, da diferencia de tarifa eléctrica entre a noite (sobre 40 € por megavatio/hora) e o día (90 €)", denuncia o senador do BNG.
En canto á súa tramitación, o Goberno informa de que "a solicitude atópase pendente de que o promotor presente o correspondente Estudo de Impacto Ambiental". Posteriormente, "este, xunto co proxecto someteranse ao trámite de información pública mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e a súa exposición no taboleiro de anuncios dos concellos afectados".
A capacidade da Xunta para parar este proxecto verase reducida por non presentar a Consellaría de Medio Ambiente un plan de xestión do LIC Canóns do Sil
A Consellaría de Innovación e Industria xa presentou informe en contra deste proxecto o 11 do 12 de 2007, pero non conta con carácter vinculante. Moito maior é a capacidade de actuación da Consellaría de Medio Ambiente para parar o proxecto, tal e como recoñece o propio Goberno.
E é que ao estar sometido o proxecto a avaliación de impacto ambiental, ademais dunha primeira consulta do proxecto á Consellaría de Medio Ambiente, "este departamento debe ser consultado posteriormente pola Confederación Hidrográfica do Norte", de forma simultánea á información pública do estudo de impacto ambiental.
Pero ademais, e segundo recoñece o propio Goberno na súa resposta ao senador do BNG, "no caso de espazos naturais protexidos que dispoñen de plano de xestión ou outra normativa de regulamento dos usos e actividades, é esa a normativa a que debe aplicarse ás actuacións que se pretendan realizar no seu interior".
"Así, -engade- nestes casos, as Comunidades Autónomas teñen plena capacidade xurídica para determinar o regulamento xeral aplicábel aos usos".
Sen embargo, esta capacidade de actuación da Xunta de Galiza para modificar ou parar o proxecto vese considerabelmente minguada debido a que "a esta dirección Xeral -de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio- non lle consta que o LIC Canón do Sil dispoña actualmente dun plano de xestión con estas características".
Por último, o Goberno informa doutros dous proxectos de centrais de ciclo reversíbel no río Miño, nos encoros de Peares III e Belesar III, cunha potencia de 149,6 e 200,4 MW, respectivamente. Estes dous proxectos de FENOSA iniciaron neste ano 2008 a tramitación ambiental.