O vicepresidente da Xunta avanzou unha iniciativa parlamentaria arredor da lei de dependencia, mentres o líder do PPdeG propuxo un pacto a prol da "firmeza" fronte ao goberno español.
A actualidade política deixou novas chamadas ao consenso esta fin de semana. Así, o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, aproveitaba unha intervención nos micrófonos da RNE para anunciar que esta semana o seu departamento vaille achegar aos grupos parlamentarios unha proposta para un novo modelo de financiamento da Lei de dependencia a nivel estatal. Segundo Quintana, o obxectivo é acordar unha iniciativa "conxunta" do Parlamento que sirva "para Galiza e para o conxunto do Estado".
Afirmou o vicepresidente que se trataría dunha proposta "ambiciosa e ben estudada" que chegue a Madrid co aval das principais forzas políticas de Galiza coa meta de conseguir un modelo de financiamento no ámbito desta lei "estábel e que non dependa do momento económico ou do goberno correspondente". De paso, reprochou en particular a posición dos deputados galegos do PP en Madrid, indicando que "se o BNG tivese non só dous deputados, senón os 11 do PPdeG, a estas horas Galiza tería compromiso para o AVE, transferencias e todo o que fixese falta". "Espero que os dous deputados do BNG sexan decisivos", apuntou ao respecto da negociación dos orzamentos do Estado.
Por outro lado, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, reiterou a "necesidade" de que os partidos pacten en Galiza unha proposta unitaria "de firmeza, de solidariedade interterritorial "e unha proposta de xestión do diñeiro de todos a través dos presupostos galegos "ante os incumprimentos do goberno español". De paso, anunciou o voto negativo do PPdeG aos orzamentos xerais do Estado "porque un partido serio como o PP non pode votar unhas contas que deixan de lado o AVE galego, despreza as autovías pendentes e non gasta sequera o diñeiro que proxecta".