Entre o 14 e o 21 de outubro Vigo acolleu (*) o VII Encontro Internacional da rede feminista Marcha Mundial das Mulleres. Este encontro, que se celebra cada dous anos, reúne delegadas dos cinco continentes.
A Residencia de Encontro e Formación de Panxón, na cidade olívica, acolleu aproximadamente a 150 participantes, duns 40 países, que participan en representación das coordinadoras nacionais e do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres.
*escrito en pasado porque a versión en papel chega ás vosas casas logo do evento.
Un dos obxectivos desta xuntanza é preparar unha nova acción global que vai ser levado a cabo no 2010. En Galicia xa se viviu a Marcha Mundial das Mulleres do 2004, que rematou coa entrega de preto de 5 millóns de sinaturas de apoio ás reivindicacions desta rede feminista ante as Nacións Unidas.
A rede defínese a si mesma coma un movemento internacional de accións feministas que reúne grupos e organizacións de base que traballan para eliminar as causas da pobreza e da violencia contra as mulleres, que loita contra todas as formas de desigualdade e de discriminación cara a elas. Para lograr isto, son conscientes de que as súas accións teñen que orientarse na busca dun cambio político, económico e social. Deste xeito, traballan na procura de globalizar a solidariedade, acadar a igualdade entre mulleres e homes, entre as propias mulleres e entre os pobos. Defenden o respecto á diversidade entre as mulleres, á multiplicidade das súas estratexias, a valoración do liderado das mulleres, e o fortalecemento de alianzas entre as mulleres e outros movementos sociais progresistas.
O lema do VII Encontro, “Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres”, responde ao desexo das representantes da MMM de reafirmar a súa pertenza ao chamando movemento “anti” ou “alter” globalización, pero insistindo nas análises dos problemas e nas accións dende as mulleres, xa que entenden que esta perspectiva de xénero continúa a ficar, moitas veces, esquecida.
Dende a Marcha son conscientes das grandes diferenzas políticas e de acción que presentan os colectivos que a integran. Pero comparten a idea de que o feminismo é un pensamento, un proxecto social, unha alternativa, unha maneira distinta de ver o mundo, que vai máis alá da simple constatación das desigualdades e da necesidade de permitir o acceso ao poder. Os motivos que animan á Marcha é desfacer os sistemas que perpetúan o medo á diferenza, que atizan o odio das diferenzas e xustifican a violencia: denunciar os sistemas que xeran a exclusión e aumentan a dominación.
Como sempre ocorre nestes Encontros, o momento cume é a marcha propiamente dita, que percorreu as principais rúas de Vigo o domingo ao mediodía. Este acto público clausurou un Encontro que este ano centrou as súas reflexións arredor do tema da soberanía alimentaria. Así, un Foro Internacional sobre a Soberanía Alimentaria contou coa participación de especialistas dos cinco continentes. Asemade na Praza da Estrela da mesma localidade desenvolveuse unha Feira de Soberanía Alimentaria, disposta con tres espazos ben diferenciados: a Carpa dos colectivos, con exposición e venda de produtos e obradoiros formativos e divulgativos; a Carpa de Debates e Proxeccións e a Carpa de Punto de Encontro e Festa.