Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
CHEGAN Á TERRA O DIA 14

Repatrian os restos de Ramón Suárez Picallo

Unha delegación institucional viaxa esta semana a Bos Aires para xestionar o cumprimento do desexo do galeguista, que en diante descansará no cemiterio de Fiunchedo, na súa Sada natal.

Débora Campos - 10:45 09/10/2008

O Alcalde de Sada e o Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia chegarán este mércores a Bos Aires nunha viaxe que ten como propósito a repatriación a Galiza dos restos mortais de Ramón Suárez Picallo.

Segundo pedira en vida, o deputado galeguista Ramón Suárez Picallo descansará no cemiterio de Fiunchedo, na súa Sada natal, cando fagan corenta anos do seu pasamento o vindeiro martes, día 14 de outubro. Para iso, o alcalde de Sada, o nacionalista Abel López Soto, e o secretario Xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia, Xoán Antón Pérez Lema, chegan este mércores a Bos Aires, para repatriar os restos mortais do avogado e xornalista galego falecido no Centro Galego de Bos Aires no ano 1964 e soterrado no cemiterio porteño da Chacarita.

A volta dos restos de Suárez Picallo será o acto central do ‘Ano dos Irmáns Suárez Picallo’, organizado polo municipio e co que colabora a Vicepresidencia. Terá lugar na mesma data do seu pasamento pero corenta anos despois e para conmemorala, o Concello de Sada organizará unha homenaxe funeraria ao maior dos Irmáns Suárez Picallo no cemiterio municipal do Fiunchedo. Posteriormente, tamén no camposanto, visitarase a tumba do seu irmán Xoán Antón, asasinado no ano 1936.

Os restos funerarios de Ramón Suárez Picallo descansan desde hai máis de catro décadas no cemiterio bonaerense da Chacarita. Ata alí chegará a comitiva de funcionarios galegos xunto cos representantes da colectividade galega en Bos Aires que tamén organizou un feixe de actividades para despedir ao amigo e ao protagonista da súa vida social e política.

Na mañá do venres, e ao son dunha gaita, terá lugar a retirada do ataúde no Panteón de Galegos Ilustres do camposanto da Chacarita onde levan catro décadas os restos do deputado galeguista e fundador do Consello de Galiza.

Entre os días 11 e 14 de outubro o Centro Español de Sada e Contornos, a Federación de Sociedades Galegas e o Centro Galicia (a institución que hoxe integra o daquela Centro Lucense onde Suárez Picallo traballou arreo) organizarán homenaxes en memoria do galeguista e para despedilo desta cidade na que pasou tantos anos.


4,77/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: