Ao armador de Marín non lle parece "lóxico" que sempre persigan o seu buque. O arrastreiro seguirá faenando outros oito días máis na zona.
Localización de Mauritania, no norte de Africa
O secretario xeral do Mar, Juan Carlos Martín Fragueiro anunciou esta cuarta feira en Vigo que a administración española vai abrir un expediente informativo sobre o comportamento do armador e do patrón do arrastreiro galego 'Bahía de Portosanto', con base en Marín, durante a súas xornadas de faena en augas mauritanas.
Martín manifestou o seu malestar pola denuncia de retención, supostamente ilegal, do barco por parte de militares mauritanos que o patrón do pesqueiro lle tiña feito á axencia española de noticias Efe a pasada terza feira. En palabras do secretario xeral do Mar, non se pode estar "dramatizando" cun acontecemento habitual, xa que dende a perspectiva das autoridades españolas tratouse dun "puro trámite técnico e administrativo".
Martín tamén explicou que o buque fora retido durante unhas horas nun dos controis que, segundo o acordo pesqueiro vixente, se realizan a todas as embarcacións á saída do caladoiro. Nesta revisión foi onde se detectou unha "discrepancia" entre o número de mariñeiros estranxeiros que figuraban na licenza e os que realmente estaban enrolados. O representante do goberno español tamén denunciou que, unha vez aconteceu o incidente, os responsábeis do 'Bahía de Portosanto' non acudiron "en ningún momento" aos servizos consultares da empresa que se ocupa da súa seguridade en Nouadhibou, nin á embaixada do Estado Español en Nouakchott, a capital mauritana, senón que optaron directamente por falar só cos medios de comunicación.
O armador nega as acusacións
O armador del 'Bahía de Portosanto', o marinense Santiago Iglesias, recoñeceu a súa sorpresa ante as declaracións do secretario xeral do Mar e insistiu na súa versión dos feitos. Neste sentido, sinalou que as autoridades do país africano retiveron o arrastreiro superar o número de tripulantes que estipula a súa licenza (10), ao levar a bordo oito traballadores mauritanos e seis galegos.
O armador tamén dixo que non lle parece lóxico que sempre sexa o seu barco o retido; "quen podería querer tanta presión sobre o mesmo barco?", preguntou, ao tempo que revelaba que o arrastreiro, de 28 metros de eslora, continúa faenando "tranquilamente" en augas mauritanas e que regresará a terra dentro de oito días. Iglesias Caballa reiterou que nos oito anos que o seu arrastreiro leva andando á pescada negra en Mauritania, nunca padeceron "ningún problema", unha circunstancia que lle fai pensar que "algo falla" despois dos tres últimos incidentes que, quixo reiterar, viviu o seu barco en menos dun ano. "Queremos traballar en paz", subliñou o armador, "non entendemos este acoso". Iglesias reuniuse esta cuarta feira en Compostela co ministro de pesca mauritano, Hassena Ould Ely, e, segundo dixo, o político ten "disposición de que isto non volva pasar".