O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, destacou as oportunidades do autogoberno fronte á crise.
"Hai propostas para recuperar capacidades produtivas en Galiza", afirmou Aymerich durante a súa intervención, referíndose á relativa á volta de Astano á construción naval civil. "É difícil xustificar esta prohibición na actualidade", insistiu, recordando as reiteradas peticións do Bloque neste sentido. "Estamos a pedir para Astano nin máis nin menos que o mesmo tratamento que se lles está dando a moitos bancos", engadiu.
Aymerich tamén destacou a modificación de normativas de configuración de prezos de produtos de primeira necesidade. "Son perxudiciais para os produtores e os consumidores", sinalou. Citou tamén as iniciativas a prol de medidas de promoción de emprego e acceso a financiamento para as pequenas empresas. Por outra parte, salientou a petición para a territorialización dos fondos do Plan Estatal de Vivenda, instando a que sexa a Xunta quen xestione os fondos.
O deputado nacionalista destacou ademais de xeito especial a importancia do autogoberno "entendido como a formulación de políticas propias, deseñadas en función dos nosos intereses e capacidades" como "a mellor ferramenta para enfrontar a crise". Nesa liña dixo entender que se sitúan as propostas arredor dunha nova política enerxética, produción de alimentos de calidade, condicións de vida dignas no rural e a necesidade de defender o acceso a unha vivenda digna.