Tirou o presidente do Goberno de cita de Ramón Piñeiro para ofrecerlle acordo sobre lingua ao PP ao tempo que lles reprochaba seren voceiros de "falsas polémicas".
Foron os cinco minutos que o presidente da Xunta lle adicou á lingua un dos poucos momentos onde se viu certo espernexe nas filas do PPdeG, até ese momento marcadamente aburridos. Así, mentres Pérez Touriño criticaba que os populares rachasen o consenso ao rexeitar o decreto que introduciu maior presenza e promoción da lingua no ensino primario, escoitouse a voz da voceira en materia Educativa do PP, Manuela López Besteiro, quen berrou "cambiou" e "mente" durante a intervención do presidente. Mentres, o xefe do executivo, insistía en laiarse de que o PP se retirase dese consenso despois de participar en toda a negociación e admitir que o proxecto era coherente co Plan de Normalización.
Touriño tamén denunciou que o PP se convertese en "altofalante de grupos minoritarios", acusando o partido liderado por Núñez Feijoo de importar a Galiza "falsas polémicas alleas á realidade do país". "Volvan ao consenso, deixen fóra das leas partidarias a nosa maior creación como pobo, traballemos xuntos na creación dunha Galicia plurilingüe, diversa e tolerante", ofreceu o presidente da Xunta. Anteriormente, Touriño iniciara a alocución subliñando palabras de Ramón Piñeiro arredor da lingua como "froito da loita do espírito por fornecer á súa propia identidade colectiva a expresión verbal xenuína".
"Deixe de facer o ridículo", dille Quintana a Feijoo
"Calquera día verémoslle saír nese serial surrealista que promoven en Madrid co esperpéntico nome de vítimas da inmersión lingüística", ironizou o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, ao tempo que criticaba a posición do PPdeG e do seu líder, Alberto Núñez Feijoo, ao respecto do asunto da lingua. Quintana reflexionou ao respecto da acción de goberno en materia lingüística concluíndo que o Executivo non se apartou da "dignidade e normalización" prometida no inicio de lexislatura. "Estamos facéndoo con respecto e a tolerancia e sen caer nas súas provocacións e intentos constantes de promover unha especie de racismo lingüístico", analizou o líder do Bloque.
"Galiza é unha nación porque foi un pobo capaz de crear unha cultura e unha lingua", citou na súa intervención, recordando estas palabras do historiador Ramón Villares. Así, e nunha belixerante intervención cara ao líder do PP galego, o voceiro nacional do BNG advertiulle que polo camiño que leva "está converténdose en activo partidario da eutanasia da nosa cultura e da nosa lingua". "Non se pode pretender ser ao mesmo tempo defensor de Galiza e atacar frontalmente todos e cada un dos esforzos normalizadores que se realizan", expresou o vicepresidente, chamando os populares a viraren rumbo para "non tornar en seres estranos na súa propia terra".
Feijoo mantén a posición enfrontada do PP en materia de lingua
Non deu tregua o presidente do PPdeG no eido lingüístico que, de feito, provocou algunhas das máis airadas reaccións entre os deputados do seu partido cando o tema era tratado por Touriño, Quintana ou o voceiro socialista Ismael Rego.
Alberto Núñez Feijoo trasladoulle ao presidente que saia da próxima cita coas urnas a responsabilidade de "recuperar" un consenso que admitiu que "nunca se debeu perder sobre a lingua". Así e todo, atribuíulle todo o protagonismo na destrución dese consenso a socialistas e nacionalistas evitando calquera asomo de autocrítica. Dese xeito, e segundo a interpretación de Feijoo, foron PSdeG e BNG os responsábeis da viraxe desde o que defendeu como "convivencia tolerante e intelixente" arredor da lingua en anteriores lexislaturas. "O galego non debe impoñerse", insistiu Feijoo, que en canto ao uso da lingua nas escolas volveu saír fora do consenso do Plan de Normalización para amparar que sexan os pais os que decidan sobre a lingua na que estuden seus fillos.