O voceiro parlamentario do PPdeG opinou que o presidente da Xunta "non foi realista" no seu discurso.
"Adicoulle pouco tempo ao futuro", explicou Manuel Ruíz Rivas, voceiro parlamentario do PPdeG, na súa comparecencia diante da prensa á saída da intervención coa que esta terza feira o presidente da Xunta abrira o debate sobre o estado da nación. O representante do PP reprochoulle ao presidente que teimase en asegurar que os galegos "están máis fortes e teñen máis poder adquisitivo que hai tres anos".
Na opinión de Ruíz Rivas, despois da "autocompracencia exculpatoria", coa que definiu o discurso de Touriño, o "verdadeiro debate" comezará unha vez que interveña o líder do PPdeG. Rivas asegurou que Núñez Feijoo vai centrar a súa intervención "no sentir dos galegos que teñen problemas e queren un Goberno que actúe unido e tome decisións".