Crise económica e proxectos pendentes e ausentes para o treito final de lexislatura agárdase que asomen esta terza ao debate "sobre o Estado da Autonomía".
A promesa dun "novo impulso político" é promesa adiantada desde a Presidencia da Xunta cara ao debate sobre o Estado da Nación que este mércores abre no Parlamento. Aló, o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, tería previsto avanzar novas medidas no ámbito da "rexeneración democrática" para o treito final da lexislatura.
Alén diso, Pérez Touriño tería previsto receitar diálogo social con empresarios e formacións sindicais como "fórmula axeitada" para manter as taxas de converxencia co Estado español e a Unión Europea. De paso, o discurso de Touriño faría resumo das iniciativas postas en marcha os últimos meses, especialmente aquelas que se refiran ao ámbito das políticas de emprego e sociais, co destaque de temas como a gratuidade dos libros de texto, a reserva de solo para vivenda protexida ou o plan de saneamento das rías.
Doutro lado, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ten previsto centrar a súa quenda na contraposición do que cualifica de "Galiza de fábula" contada polo bipartito á "Galiza real" da que el di aspirar a darlle voz. Nese sentido, desde o PPdeG insisten en que o discurso do seu líder será "o máis parecido ao que faría calquera galego se tivese a oportunidade de intervir na Cámara" e destacan a "transcendencia" deste debate, o último antes das próximas eleccións. Así, Feijoo tería previsto incidir no que o PP considera que é a mirada "constantemente cara a atrás" de PSOE e BNG fronte á mirada "ao futuro" que se atribúen.
Mentres, a intervención do líder do BNG, Anxo Quintana, chega condicionada pola recente asemblea da formación, na que foi elixido candidato do Bloque á presidencia da Xunta para os vindeiros comicios. Unha asemblea que motivou que os nacionalistas non avanzasen aínda os detalles da súa estratexia para a intervención do seu líder neste debate.
Os grupos parlamentarios de PsdeG e BNG terían previsto, unha vez máis, presentaren conxuntamente as súas propostas de resolución para este debate. Hai un ano, a cita concluíu con 46 propostas ratificadas polo Parlamento, 30 delas de xeito unánime co voto das tres forzas, logo dun axitada negociación de perto dunha hora entre os voceiros dos tres grupos --Manuel Ruiz Rivas (PPdeG), Ismael Rego (PSdeG) e Carlos Aymerich (BNG). Daquela, socialistas e nacionalistas apoiaron dez propostas do PPdeG, mentres que esta forza política avalou nove das 28 resolucións presentadas por PSdeG e BNG e outras tres transaccionadas.