Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Barcelona, Montevideo, Frankfurt e Guadalaxara

De aquí para alá: Outono de traballo para o libro

Este martes comeza en Barcelona o Líber, coa presenza de 24 editoriais galegas, e nos próximos días celebraranse as feiras de Montevideo e Frankfurt.

Redacción - 10:00 07/10/2008

Dende esta semana e até decembro, o libro galego e as editoriais do país estarán presentes en catro escaparates comerciais de grande importancia internacional. Entre o 7 e o 10 de outubro celébrase en Barcelona o Líber. Trátase da feira do libro máis importante do Estado Español, e celébrase alternativamente en Madrid e Barcelona. Nesta edición prevese a participación de 700 expositores e arredor de 11.000 visitantes. Québec será a cultura convidada. A Consellaría de Cultura e Deporte e a Asociación Galega de Editores organizan a presenza de Galiza nesta feira.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, e o presidente da AGE, Alfonso García Sanmartín, encabezan a delegación na que participarán 24 editoriais. Tamén estará presente Anxos Sumai, que impartirá tres conferencias, tanto na Universitat de Barcelona coma no Ateneu.

Feira Internacional de Uruguai
Desde este xoves até o 19 de outubro terá lugar en Montevideo a Feira Internacional do Libro de Uruguai, na que Galiza tamén contará con stand propio. A presenza neste feira está organizada polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, en colaboración coa Consellaría de Cultura. Viaxarán o escritor Santiago Jaureguízar, que intervirá en varias conferencias, e o grupo musical Ouriol, encabezado pola poeta Eva Veiga.

A gran cita do ano: Frankfurt

Entre o 15 e o 19 de outubro celebrarase en a Feira Internacional de Frankfurt, o principal encontro mundial do sector do libro, con Turquía como país convidado. Na cidade alemá estará unha delegación galega cos escritores Miguel Anxo Murado e María Reimóndez, e Manuel Figueiras, presidente de Gálix. Na feira poderanse coñecer as novidades de 20 editoriais galegas, e desenvolverase un programa de actividades no que destaca a presentación por parte da Consellaría de Cultura de dúas novidades editoriais en inglés destinadas a promocionar a literatura galega no exterior: presentarase un novo número da revista Galician Books, e e máis unha antoloxía realizada por Dolores Vilavedra na que se recollen extractos das obras dunha selección de narradores galegos actuais.

Guadalaxara: Cos ollos postos no 2011
A programación de promoción do libro galego no exterior para este ano pecharase en decembro en Guadalaxara, cidade mexicana que acolle a maior feira internacional do libro no ámbito latinoamericano. A esta feira, que se desenvolve do 29 de novembro ao 7 de decembro, Galiza acudirá por segunda vez con stand propio, co obxectivo de ser país convidado no ano 2011. Esa honra recaerá este ano en Italia.


4,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz do Líber
Cartaz do Líber
Imaxe da Feira do Libro de Frankfurt
Imaxe da Feira do Libro de Frankfurt
Cartaz da Feira de Montevideo
Cartaz da Feira de Montevideo