Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O reintegracionismo formalízase

"A Academia nace cunha conciencia clara de unidade do galego-portugués"

Esta segunda feira comezou en Compostela a andaina da Academia Galega da Língua Portuguesa, unha aposta, do eido privado, para a incorporación do galego á lusofonía.

A. Rodríguez / Vídeo: Isabel G. Couso - 19:30 06/10/2008
O presidente da AGLP, o profesor José-Martinho Montero Santalha

O presidente da AGLP, o profesor José-Martinho Montero Santalha

As actividades comezaron ben de mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) onde o presidente da AGLP, o catedrático José-Martinho Montero Santalha, informaba da vocación "de concienciar á sociedade galega da nosa condición de lusófonos" dunha institución na que moita xente (non só académicos, mais tamén escritores, empresarios, avogados...) leva longo tempo traballando.

Montero Santalha tamén tivo un momento para lembrar a Castelao, ao intelectual "portugalego" Ernesto Guerra da Cal e a Ricardo Carvalho Calero, a quen denominou "fundador honorífico desta Academia", revelando que unha das ideas do intelectual galego era crear unha entidade coma esta, que se dirixise á reintegración da nosa lingua no portugués, ante o camiño que "estaba tomando a RAG, a comezos dos anos 80" do século XX.

Para que o mundo da lusofonía se coñeza entre si
Un traballo de décadas facíase visíbel en Compostela, nunha presentación oficial á que acudiron personalidades da vida política, académica e cultural galega, así como os doutores Malaca Casteleiro e Artur Anselmo da Academia das Ciências de Lisboa, o reitor da Universidade Aberta portuguesa, Carlos Reis, o doutor Evanildo Bechara, da Academia Brasileira das Letras e o escritor mozambicano João Craveirinha, quen viña en representación da lusofonía en África. Tamén recibiron o apoio do Goberno, coa asistencia de Xosé Antón Pérez Lema, secretario xeral de Relacións Institucionais, quen falou para a cámara de Vieiros salientando a importancia de que o noso país se incorpore á lusofonía, para ter un papel nun mundo ao que pertencen 230 millóns de persoas en todo o globo.

Cando terminaron de falar os membros na mesa de oradores, o presidente da Academia, Montero Santalha, foi lendo, un por un, os nomes dos 30 académicos que han compoñer unha institución que veu aos poucos, paseniño, pero que nace para moito tempo.

Consenso e unidade
A AGLP naceu do consenso e da unidade do reintegracionismo galego, de aqueles e aquelas que pensan que se a nosa lingua levase un camiño independente ao do portugués que se fala en Portugal, o que se fala en Brasil ou en Cabo Verde, Mozambique, Guiné-Bissau, Timor Leste, Angola, Santo Tomé e Príncipe, ou en Macau, andaría cara a súa desaparición. Na presentación de hoxe fíxose patente o consenso e unidade que existe entre os reintegracionistas do noso país para traballar en común para que Galiza se incorpore á lusofonía, e para que o mundo lusófono se coñeza entre si.

Despois da presentación da mañá, había preparadas unha chea de actividades para a tarde, como a recepción dos académicos por parte do vicerreitor de Cultura da USC e presidente da Associação Internacional de Lusitanistas (AIL), Elias Torres, un recital de poesía e a actuación do Orfeón Terra a Nosa, interpretando unha obra do profesor e compositor Joám Trillo. Mais de mañá, após a presentación e o debate, estaba preparada unha actuación musical na que, coa interpretación de Isabel Rei, se estreou unha peza de Rudesindo Soutelo, dedicada a Deu-la-deu, e catro obras para guitarra do espolio do escritor e compositor Marcial Valladares. Segundo lle contou a Vieiros Ângelo Cristóvão, presidente da Associação Cultural pró AGLP, "así temos unha peza nova, creada especialmente para o día de hoxe, e outra vella, mais recuperada e traída para ser escoitada nesta ocasión".

Un programa completo que prometen acrecentar con varias publicacións (xa presentaron o primeiro Boletim, a publicación da AGLP) e máis traballo (como a incorporacións de léxico galego a dicionarios da lingua portuguesa) aínda para andar outro pouco no camiño de acadar o recoñecemento internacional ao carácter lusófono de Galiza.


Ligazóns

3,99/5 (96 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: