Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

Quintana marca como obxectivo “que o BNG sexa o PG do século XXI”

O líder nacionalista considera que “os nosos adversarios querían ver un nacionalismo de salón”.

R.V - 14:45 05/10/2008
Tags:

O discurso de Anxo Quintana marcou o primeiro punto de inflexión da Asemblea Nacional extraordinaria para a elección do candidato á Xunta. O líder do Bloque e único aspirante que se presenta diante do plenario trazou un discurso cun fondo contido político e no que deixou moi claro cal é o camiño que quere percorra a formación nacionalista. Quintana mativo a idea de que o BNG ten que ser a casa común de todo o sentimento galeguista que hai no país. Para iso, citando a Vítor Casas, mostrou o seu desexo de “que o BNG sexa o PG do século XXI”.

Diante dun auditorio expectante, Quíntana lanzou frases contundentes que sen dúbida tiñan unha interpretación tamén en clave interna: “Os nosos adversarios querían ver un nacionalismo de salón”. Fronte a isto asegura que o que preocupa é que o Bloque faga políticas máis pragmáticas: “Incluso lles molesta vernos coa xente divertíndose” (en referencia ás críticas ás festas dos maiores). Quintana defendeu as políticas das áreas nacionalistas de goberno e sinalou que ademais da “autocrítica” (que segundo el está máis que garantida no BNG) tamén é importante ver os avances.

O líder do Bloque presentouse diante dos 1.500 delegados con “timidez” porque “quero ser o candidato de todo o BNG”. Consciente de que ten garantido de antemán un apoio practicamente unánime nesta asemblea, o de Allariz dirixiuse ao plenario afirmando que “hoxe síntome máis representado que nunca”.

Un BNG máis necesario en tempos de crise

“Nós nunca abrazamos ese modelo especulativo feito para beneficios duns poucos”, afirmou en medio dunha forte ovación. Fronte a crise internacional, Quintana sinalou que o Bloque sempre defendeu unha “economía con raíces”. Nese momento deixou ver un dos obxectivos prioritarios de cara a vindeira lexislatura: “que mellor momento ca este para conseguir un sistema financeiro a favor dunha economía produtiva e non especulativa”.

Autogoberno


O Estatuto de Nación. Esa é a baza que segundo Quintana o Bloque ten que xogar a curto prazo. “Eu quero autogoberno para o recoñecemento nacional do país e ter un lugar como nación no Estado Español, en Europa e no mundo”.

O gran obxectivo: as eleccións galegas

Quintana non dubidou en colocar ben alto o listón das vindeiras eleccións. Segundo o líder nacionalista, o Bloque está en disposición de sacar o mellor resultado da súa historia, o que suporía superar os 18 deputados conseguidos nos comicios de 1997.

Os sectores críticos, os grandes ausentes


A Asemblea Nacional que se está a celebrar no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela vai ser sen dúbida a máis tranquila dos 26 anos de historia do BNG. As dúas principais correntes críticas coa dirección (Encontro Irmandiño e Movemento pola Base) decidiron non asistir a unha asemblea que consideran que non reflicte toda a pluralidade da organización frontista. Á Asemblea non acudiron dirixentes destas formacións a pesar de que algúns tiñan o dereito a asistir polo simple feito de pertencer ao Consello Nacional ou á Executiva Nacional.


4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: