Nesta tempada haberá máis música, sobre todo a partir de Nadal. Máis rock e música popular contemporánea, sobre todo, en parte grazas ao acordo de colaboración coa Reixa. A Reixa vaise responsabilizar do ambigú da Nasa, que se converte nun espazo máis activo, e que abrirá as súas portas unha hora antes dos concertos, con sesións de música seleccionadas. O primeiro concerto, o dos vigueses The Blows, o xoves 9 de outubro.
Continúan, ademais, as sesións vibracionais, dedicadas ás músicas máis experimentais, coas actuacións mensuais da orquestra Omega, que o pasado ano tomou como base a Nasa. Este trimestre vai haber dúas músicas convidadas, e a orquestra tocará cun director convidado, o austríaco Michael Fischer, con moita experiencia dirixindo formacións baseadas na improvisación. Tamén continúan os seráns, que comezarán o xoves 30 de outubro, e o 6 de decembro está prevista a celebración da II Festa pola Liberdade, un conxunto de concertos en solidariedade con Ugio Caamaño e Giana Rodrígues.
En canto ao teatro e a danza non hai grandes novidades na programación, e continúan a maior parte das liñas abertas o pasado ano. A
Sala Nasa está inserida na rede de teatros alternativos, con salas de todo o Estado, e máis a rede galega de salas. A tempada abrirase o venres 10 de outubro co espectáculo de cabaré
Detour (Manuel Santamaría ao piano e a voz de Iria Pinheiro). Haberá cabaré tamén en novembro, coa estrea do novo espectáculo de Pepa, Davide+ Madamme cell,
O negro vai con todo. E uns días máis tarde chegará a estrea de
Play, obra de danza e teatro de Borja Fernández e Uxía P. Vaello.
Ademais, a Nasa será escenario doutras tres estreas de grupos galegos. O 22 de outubro Kukas estreará un espectáculo de monicreques para adultos,
7 pecados capitais. O 27 de novembro chegará a nova obra de Branca Novo,
Nexus 6. Finalmente, en decembro poderemos ver
A Pensión, a primeira incursión no teatro de Alex Sampayo, un creador que procede do audiovisual, e que conta cun equipo técnico que vén igualmente da televisión e do cinema. "Para nós é unha maneira de acercar os mundos do teatro e do audiovisual; cando a xente do teatro se achega ao audiovisual ten un moi mal recibimento, e nós neste caso queremos facer o contrario", comenta Xesús Ron, un dos
comandantes da Sala.
Volven as ultranoites, e con sorpresas. Os días 7 e 8 de novembro a Nasa acollerá a
Ultranoite Científica, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+i, concibida como unha maneira amena de divulgar a ciencia, "sempre se esquece a divulgación científica para os adultos", salienta Ron. Despois da estrea na Nasa, por vez primeira a Ultranoite xirará por outros escenarios, viaxando en novembro e decembro por Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e tamén por Asturias, con actuacións en Oviedo, Xixón e Avilés.