Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
AS ACTUACIÓNS AFONDAN NA INSOSTIBILIDADE DO MODELO DE TRANSPORTE E FOMENTAN O USO DO VEHÍCULO PRIVADO

A FEG rexeita o Plan Vigo Íntegra e solicita a súa revocación

A Federación Ecoloxista Galega, que agrupa a máis de quince colectivos ambientalistas de Galicia, presentou nestes días alegacións ao Plan Viario Integral Área de Vigo, coñecido como Plan Vigo Íntegra.

FEG - 17:24 24/09/2008
Tags:

Para a FEG, o modelo de desenvolvemento das infraestructuras de transporte para Vigo e a súa zona de influencia que plantexa Política Territorial afonda na insostibilidade do modelo de transporte actual e fomenta, inequivocamente, o uso do vehículo privado para os desprazamentos e o transporte de mercadorías por estrada.
     Ningunha das actuacións plantexadas conta con apoio social, nen moito menos consenso en canto aos trazados previstos, e condena, no caso de aprobarse, a miles de cidadáns galegos, que verán alterado o territorio, aínda que non se constrúan os viais, polo menos até 2020.

      Na cuestión ambiental, o Vigo Íntegra é un conxunto de despropósitos e en ningún momento camiña cara ao obxectivo plantexado pola propia Consellaría, é dicir, "definir unha estratexia de mobilidade sostible mediante a disociación entre o crecemento do transporte e o crecemento económico, o desenvolvemento de alternativas ao transporte en vehículo persoal, ao transporte de mercadorías por estrada e a medición correcta dos seus custes". Todo o contrario, o Vigo Íntegra prevé medidas para incrementar a comunicación e a mobilidade de persoas e mercancías exclusivamente por estrada, un plan baseado nun modelo que hoxe xa está a dar síntomas de esgotamento, como queda plasmado na subida constante dos combustibles e a perentoria procura de solucións ao cambio climático.

      O Vigo Íntegra esquece o transporte colectivo, o ferrocarril e o autobús, descoñece a intermodalidade e simplemente planifica viais e máis viais, circunvalacións, novas autovías, ampliacións das existentes, novas pontes e vias de alta capacidade, tecendo un chapapote destrutor no Sur de Galicia.

      O Vigo Íntegra, para os ecoloxistas, enfróntase directamente a diferente normativa galega, estatal e europea, como son a Lei da Paisaxe de Galicia, o Plan de Acción 2004-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España, o Plan Estratéxico de Infraestructuras e Transporte, aprobado polo Ministerio de Fomento e/ou o Libro Branco da Política Europea do Transporte de cara a 2010.

      Para a Federación Ecoloxista Galega, a Administración debería apostar decididamente polo transporte colectivo, xestionando coherentemente as infraestructuras existentes, ao tempo de impulsar, por fin, a creación dun sistema ferroviario adaptado ás necesidades actuais da sociedade galega e un servizo de cercanías para a área metropolitana de Vigo.

      A FEG conclúe, nas súas alegacións ante a Consellaría, que o Vigo Íntegra debe revocarse na súa integridade por non existir demanda social algunha para a súa realización, por non ser conforme aos documentos recentemente aprobados por diferentes institucións (Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España, o Plan Estratéxico de Infraestructuras e Transportes 2005-2020, o Libro Blanco da Política Europea de Transporte cara 2010 e a Lei da Paisaxe de Galicia), por afectar de xeito considerable e en casos irremediablemente ao Medio, porque non aportar nada á xestión correcta e sostible das infraestructuras existentes, por non optar en ningún momento pola intermodalidade no transporte e non facer unha aposta firme e decidida polo ferrocarril e o tren de cercanías, por afectar ao noso Patrimonio, por afectar gravemente ás nosas áreas de poboación, separando máis que unindo e por contribuir á emisión de gases de efecto invernadoiro acelerando o quecemento global do Planeta.

      SUBSIDIARIAMENTE, a Federación Ecoloxista Galega solicita que se destinen os fondos previstos para as actuacións plantexadas no Plan Vigo Íntegra á mellora e promoción do servizo de transporte colectivo en Vigo e na súa área de influencia.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: