Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En plena adaptación ao espazo europeo

Educación desatende as reclamacións económicas das universidades

O escenario de crise económica foi a escusa esgrimida este martes pola conselleira de Educación para rexeitar as reclamacións dos reitores.

Redacción - 09:00 01/10/2008

Fronte ás queixas e advertencias dos reitores sobre as necesidades económicas do sistema universitario galego, a titular de Educación, Laura Sánchez Piñón, retrucou este martes que o actual Goberno xa amosou o seu compromiso cun incremento significativo sobre as cantidades asignadas na anterior etapa. Sánchez Piñón referiuse ao gasto directo de até 125 millóns de euros máis neste exercicio que os orzamentados en 2005, cantidade que implica, segundo subliñou, un 50% máis.

Deste xeito, a consellaría confirma o rexeitamento das demandas reiteradas os últimos días polos reitores das universidades, que chamaban á revisión inmediata do plan de financiamento vixente até 2010. Na opinión dos reitores é necesario un novo plan que axude a financiar os cambios requiridos pola adaptación ao sistema universitario europeo. Paradoxalmente, a conselleira declarou que esa revisión "non se debe facer nun momento de recesión económica, senón de expansión". Sánchez Piñón pediu por iso agardar a un momento de "mellor conxuntura económica" para responder aos "retos" da universidade.

A Xunta conformaríase así con deixar o gasto nas universidades nun 0,77% do PIB, un chisco por riba do 0,63% no que estaba sen eses fondos adicionais, pero lonxe do compromiso que hai poucos meses aínda manexaba o executivo de elevar esa cifra até o 1% do PIB. Con todo, a conselleira prognosticou que os orzamentos para 2009 poderían incorporar unha inxección adicional de até 11 millóns de euros que deixara o investimento neste ámbito no 0,8% do PIB. Insistiu Sánchez Piñón en que o financiamento actual das tres universidades do país medra ao dobre de velocidade que no resto do Estado, indicando que, en contraste, no período 1996-2004 situábase até tres veces por baixo da media estatal.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: