Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LEI DE MEMORIA HISTÓRICA

Só un colexio mudou o seu nome franquista

O departamento de Educación recoñece a lentitude no cambio das denominacións e recorda que require o acordo de consellos escolares e concellos.

Redacción - 18:00 29/09/2008

"Illa de Tambo" é o novo nome do colexio de Marín (Pontevedra) anteriormente denominado "Centro Almirante Salvador Moreno". Este foi o único centro educativo que mudou a súa denominación ao amparo da Lei da Recuperación da Memoria Histórica, retirando a franquista por outra máis acorde á zona e nacida do consenso da comunidade educativa. Así o ven de recoñecer a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María Xosé Pérez Mariño, en resposta a unha pregunta do deputado nacionalista Manuel Parga no Parlamento.

Este é o balance de entre un conxunto de 11 centros dos que se ten constancia que teñan un nome franquista, na súa meirande parte nas proximidades da Coruña e en Ferrol. Pérez Mariño asegurou que dende o seu departamento xa se instou aos colexios ao cambio, se ben esa modificación require uns trámites nos que están implicados os propios centros, os consellos escolares, os concellos e a Consellaría de Educación. Neste sentido, dixo que dende a Xunta prefiren que escollan a súa nova denominación "de forma voluntaria". Asemade, asegurou que neste mes de setembro se volverá a instar aos directores a que cumpran o previsto pola lexislación.

Colexios que aínda conservan o nome
Mentres, o "Centro Francisco Franco" de Beariz (Ourense) será previsíbelmente o segundo en mudar oficialmente o seu nome. Non obstante, de momento está pendente dun informe favorábel do concello. Canda el, atópanse outros nove que comezaron o curso coa vella denominación franquista. En Marín aínda se mantén a escola de educación infantil "Calvo Sotelo". En Ferrol sitúase un centro de educación especial adicado a "Carmen Polo", así como outro de primaria e un instituto con nomes de ministros e amigos do dictador, Marqués Suances e José Ibáñez Martín. Na Coruña podemos atopar os colexios de primaria "Montel Toucet" (un militante franquista), o "Enrique Salgado Torres" (director xeral da Vivenda) e o "Sanjurjo de Carricarte" (alcalde da cidade en tempos da ditadura). A estes oito súmanse o que en Culleredo se adica ao cruceiro "Baleares" (un dos sublevados do golpe militar), outra escola en Pontevedra que recibe o nome de "Almirante Salvador Moreno" e un colexio vigués ao que lle chaman "Doutor Eijo Garay", bispo moi próximo ao ditador.


Ligazóns

3/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: