Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desconforme coa inscrición

A oposición dun veciño complica a colocación da placa en memoria de Plácido Castro

"Aquí viviu desterrado Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación", reza o lema.

Fernando Arrizado - 20:30 28/09/2008

Tal e como avanzabamos a semana pasada, a Fundación Plácido Castro está a xestionar co departamento de Cultura do Concello de Vigo a colocación dunha placa na honra deste histórico galeguista, concretamente no número 11 da rúa Reconquista.

Búscase con este xesto recuperar a memoria de quen hai 75 anos, como secretario de Relacións Internacionais do Partido Galeguista, representou a Galiza no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, xuntanza onde se recoñeceu internacionalmente por primeira vez o carácter nacional do noso país. Ou que como participante no Pacto de Compostela, foi protagonista na xestación de Galeuzca.

Xulio Ríos, director do Igadi e máximo impulsor dos actos que se realizan arredor da súa figura (a semana pasada entregouse o Plácido Castro de tradución, fallado hai uns meses, e organizouse unha mesa redonda sobre o acontecemento histórico de setembro de 1933) confirma que a colocación da placa, no entanto, está a sufrir algúns contratempos.

Di que algúns veciños de Reconquista, 11, non están demasiado conformes coa inscrición que consta na mesma, obra do escultor local Pepe Morales, e que isto está a provocar o adiamento do acto. O lema reza exactamente así: "Aquí viviu desterrado Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación".

"Negociando coa comunidade"
Confirma as palabras de Ríos o concelleiro vigués de Cultura, Xesús López Carreira (BNG): "Estamos negociando co presidente da comunidade. Iniciamos as xestións antes do verán e pretendemos manter unha xuntanza cos veciños. Nós estamos moi interesados na colocación da placa e por suposto apoiamos o acto".

No entanto, o edil réstalle importancia as trabas postas á instalación do memorial e minimiza esta oposición a un único veciño ao que "non lle gusta" a inscrición e que, ao parecer, se resiste a aceptar o recoñecido, entre outros, polos participantes no IX Congreso de Nacionalidades Europeas hai xa máis de 15 lustros: que Galiza é nación.


4,74/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: