Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DISCRIMINACIÓN NAS AULAS

A CIG recorre no TSXG as subvencións a colexios que separan nenas e nenos

O sindicato nacionalista acusa a Consellaría de Educación de ceder á chantaxe de centros "con idearios ultraconservadores e reaccionarios".

R.V - 14:40 26/09/2008

Logo de que este xornal revelase que a Consellaría de Educación volveu subvencionar este ano a colexios privados que non permiten a existencia de aulas mixtas, a CIG-Ensino anuncia que vén de presentar un contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Os servizos xurídicos do sindicato pretenden que se anule a orde publicada o pasado 27 de agosto no DOG polo que se subscriben e modifican os concertos educativos. Por medio desta orde, a Xunta volve destinar fondos públicos a cinco centros vinculados ao Opus Dei e que separan a nenas de nenos nas aulas (Las Acacias, Montecastelo e Aloya en Vigo; Montespiño e Peñarredonda na Coruña)

A CIG-Ensino considera que “é totalmente incomprensíbel e inaceptábel” que a Consellaría de Educación subvencione “ao cen por cen” centros que “incompren flagrantemente a lexislación, imposibilitando un ensino coeducativo”. O sindicato nacionalista considera que a consellaría está a ceder á presión “de centros vinculados a posicionamentos retrógrados e con idearios ultraconservadores e reaccionarios”.

Hai que lembrar que a LOE (Lei Orgánica da Educación) aposta pola coeducación de nenos e nenas. Este mesmo ano, unha sentenza do Tribunal Supremo deulle a razón ao goberno de Castela-A Mancha que decidiu retirarlle en 1999 as axudas a aqueles centros que segregaban o alumnado por razóns de sexo. Nun primeiro momento os tribunais anularon esta decisión, pero o Tribunal Supremo considera que a administración pública ten dereito a exixir aulas mixtas naqueles centros privados que axuda a financiar.

Noticias anteriores en Vieiros:


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: