A norma determina que o tamaño dos caracteres non poderá ser menor do 12.
A letra miúda, a primeira que hai que ler antes de asinar un contrato calquera, non vaia ser que nos prexudique, estará prohibida, dende agora, no Brasil.
O presidente da República en exercicio, José Alencar, presentou un proxecto de Lei que contempla as novas mudanzas no Código de Defesa do Consumidor e que obriga, entre outras cousas, a non empregar uns caracteres inferiores ao tamaño 12 nos contratos.
Antes, neste Código especificábase que os contratos deberían ser editados de xeito lexíbel, mais non había un patrón específico para o tamaño dos caracteres, o que moitas veces levaba a confusión aos asinantes, porque non podían identificar os dereitos e obrigas que contraían. Alén disto, con esta nova lei os consumidores poderán pedir tamén a substitución das palabras impresas no contrato que non entendan.