Participarán, entre outros, Joâo de Almeida Santos, asesor político do Primeiro Ministro en Portugal, ou Alex Contreras, ex voceiro do goberno de Evo Morales.
Dende o 23 de outubro e até o 4 de decembro todos os xoves a Fundación Caixa Galicia e o Clube Internacional de Prensa convidarán a Santiago de Compostela a recoñecidos expertos e profesionais de Europa e América Latina para que expoñan o seu punto de vista sobre o presente e o futuro das industrias da comunicación en ambos os dous continentes.
AS xornadas abriranse con Joâo de Almeida Santos, asesor político do Pimeiro Ministro en Portugal. E pola banda europea contarán tamén coa presenza de Alex Grijelmo, presidente da Axencia de Noticias EFE; Carlos Jiménez, Enxeñeiro Superior de Telecomunicacións; Amalia Schirru, deputada polo Partido Democrático en Italia; Eduardo Medinaveitia, director xeral técnico de Zénith Media; Carlos Fernández Esteban, enxeñeiro industrial; e Jesús Timoteo, Catedrático de Periodismo e Comunicación na Universidade Complutense de Madrid.
Dende América chegarán Paulo Nassar, director xeral da Asociación Brasileira de Comunicación Empresarial; Sandra Fuentes, da Universidade Javeriana Bogotá; Salim Lamrani, francés, profesor, escritor e xornalista experto nas relacións de Cuba con EEUU; a venezolana Blanca Eekhout, presidenta e fundadora da TV do estado ViVe; Alex Contreras, antigo voceiro do goberno de Evo Morales; Miguel Bonasso, deputado no parlamento arxentino; e Gabriela Warkentin, da Universidade Iberoamericana de Cidade de México).
Finalmente, o futuro da industria da comunicación en EEUU, será exposta por Javier Rivero Díaz, profesor e experto en interactive Media, Comunicación e Mercadotecnia en Internet, na Universidade California Los Ángeles -UCLA-.
Os prazos de inscrición -a asistencia é gratuíta- están xa abertos, polo que se deberá solicitar o Boletín de Inscrición en club.inter.prensa@xunta.es, ou na web oficial deste organismo:www.clubinternacionaldeprensa.org.