Bieito Lobeira lembrou que a maior parte dos enfermos diríxense aos facultativos en galego e non reciben a atención nese idioma.
A situación da nosa lingua no eido sanitario foi un dos temas que centrou a Comisión de Sanidade. O deputado nacionalista, Bieito Lobeira, reivindicou medidas prácticas que garantan a relación de proximidade entre pacientes e doutores, para o que considerou necesaria a utilización do galego por parte dos facultativos. Así, recordou que a maior parte dos enfermos son maiores de 65 anos e, nesta franxa de idade, o 91% fala sempre ou case sempre en galego. Lobeira recoñeceu avances no cumprimento do Plan de Normalización, mais exixiu unha política que permita ir máis alá e ofrecer unha calidade digna dos servizos sanitarios.
Pola súa banda, a secretaria xeral da Consellaría de Sanidade, Pilar Fernández Romero, asegurou que existe un compromiso para normalizar o uso do galego no sistema público. Neste sentido, mencionou avances na edición de documentos ou nas aplicacións informáticas, como a adquisición por parte da Xunta de programas como o IANUS en galego ou a sinatura dun convenio coa universidade para elaborar un vocabulario específico de medicina en galego.
Mentres, o BNG reiterou que fará un seguimento para que se cumpra esta promesa e para que se avance neste eido. Ao tempo, Bieito Lobeira recriminou ao secretario xeral do Sergas por non se expresar en galego no Parlamento, recordando que é unha obriga do Plano de Normalización. Contra isto contestou novamente Rodríguez Escurdero, quen se comprometeu a trasladar a todos os cargos da administración sanitaria a súa reclamación de expresárense no noso idioma. Con todo, pediulle ao nacionalista comprensión, dado o seu esforzo para falar en galego, cando normalmente é castelán-falante.