Gadis estréase como patrocinador da Liga Nacional de Billarda. Un novo apoio para os palanadores das tres Conferencias, que esta fin de semana comezan a competición.
Esta fin de semana bota a andar, de novo, a Liga Nacional de Billarda (LNB), pero dende agora con outro nome: Superliga Galega Gadis de Billarda, porque dende esta semana a marca galega vai patrocinar os palanadores a palanadoras das tres Conferencias. Así, o apoio de Gadis únese ao empresatado no seu tempo por Vieiros e polo xornal Novas da Galiza.
Segundo nos contan dende a Asociación O Varal, a billarda "pedía a berros e a paus un estatus oficial e deixar de ser considerada deporte minoritario", cousa que pode conseguir agora, apadriñada pola marca Supermercados Gadis. Neste sentido, contan que o que fixo que Gadis dese un paso adiante para apoiar este deporte foi o "firme compromiso coa terra da LNB". A Liga enmarcarase na campaña da marca chamada Vivamos como galegos, e será a primeira vez que un deporte tradicional galego consiga o patrocinio dunha gran empresa privada.
Comeza a Liga
Daquela, velaí vai a folla de ruta billardeira para esta fin de semana. O sábado 27, ás 17:00 horas arranca a competición na Conferencia Sur, na pista do colexio Fernández López do Porriño, en plenas Festas do Cristo. O día a seguir, o domingo 28, ás 16:30 horas na pista da Zapateira da Coruña comezará a Conferencia NorOeste a súa tempada, mais, desta volta, cunha firme vocación nómade, xa que agardan moverse por concellos das áreas comarcais veciñas, coma Ferrolterra, Eume, Ordes, Betanzos ou Bergantiños.
No NorLeste tamén comezan o domingo, pero antes de xogar, comen. Ás 14:30 horas haberá un xantar na Taberna da Lola de Remourelle (Ribadeo, A Mariña), e ás 16:30 horas, na pista anexa han comezar a tempada nesta Conferencia, na que compite o vixente Campión Nacional, Markitos, que defenderá o título acadado a finais deste ano.