A organización independentista foi denunciada pola asociación por distribuír unha fita que, segundo din, chama "ao odio e a violencia" contra os seus membros.
Tres militantes da Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) terán que declarar, a vindeira segunda feira 29 de setembro, no xulgado número sete de Vigo, a causa dunha denuncia formulada pola asociación Galicia Bilingüe.
Aos tres impútanlles dous supostos delitos, un "contra as liberdades fundamentais" e outro de "ameazas e coaccións" pola realización e difusión do filme de debuxos animados Vilingüismo, no que, durante media hora de duración, cóntase a historia dunha vila galega que é invadida por un grupo de alieníxenas que queren terminar co galego e impoñer o castelán. Porén, hai un grupo de mozos que se han opoñer ao hipnótico "bilingüismo harmónico" dos extraterrestres. A fita foi realizada polo colectivo independentista con motivo do Día das Letras deste ano e pódese ver e descargar na web de GzVídeos. O vídeo proxectouse nos centros sociais, varios institutos de Vigo e en Ourense; alén disto, repartíronse copias en institutos das sete cidades galegas.
No seu día, a asociación Galicia Bilingüe denunciara a existencia da fita porque, consideraban, era un chamamento "ao odio e a violencia contra a asociación", afirmando que "anima a atentar" contra os seus membros. Esta non é a única denuncia que este colectivo fixo contra membros da AMI, xa que hai unha outra presentada contra varias militantes que se manifestaban ás portas do Teatro García Barbón o día que se presentaba oficialmente a asociación en Vigo, en febreiro deste ano.
"Estamos ante un etnocidio e os seus responsábeis queren facerse pasar por vítimas"
Vieiros falou cun dos imputados, quen asegurou que aínda descoñece porque aparece como citado, xa que o vídeo non ten créditos e a AMI tampouco ten representantes legais. Á espera de coñecer as dilixencias e de falar co avogado que vai levar o caso (no caso de o haber, porque de momento só van citados para declarar), revelou que van desenvolver unha "posición política" durante o proceso coa que tentarán "desenmascarar a posición vitimista de Galicia Bilingüe", denunciando que "quen defende a imposición de España e do español son os únicos agresores neste conflito".
Neste sentido, o entrevistado quixo incidir en que o colectivo Galicia Bilingüe está a avanzar (aparecendo nos medios de comunicación e conseguindo a atención da opinión pública) grazas "a un discurso liberal e vitimista que afirma defender a 'liberdade de escoller', e que eles son as 'pobres persoas' ás que se lles coarta esa liberdade". Porén, para este militante da AMI "a realidade é que aquí a lingua imposta é o español, lingua que a Constitución española nos obriga a coñecer e que os poderes político, económico e social de España se encargan de facer hexemónica. A realidade é que estamos ante un etnocidio denunciado mesmo pola UNESCO (a desaparición do galego), e os seus responsábeis pretenden facerse pasar por vítimas".
O filme Vilingüismo volverase proxectar polos centros de ensino secundario do país de novo, agora que comezou o curso tras o paro do verán. Así mesmo, a organización xuvenil AMI fixo un chamamento para apoiar os imputados a vindeira segunda feira dia 29, ás 11:00 horas nos xulgados de Vigo.