Pola súa banda, Touriño esixiulle ao PP "que deixe de atacar á nosa lingua".
Ausente Zapatero, Xosé Blanco foi o gran protagonista da festa-mitin que o PSdeG-PSOE celebrou en Vilagarcía de Arousa, coa participación de case cinco mil militantes. Malia as dificultades económicas, Blanco prometeu que o Estado "non vai fallar" a Galicia e, neste sentido, deu por seguro que o Estado aumentará "de forma considerable" a inversión nesta comunidade e destinará a ela os fondos necesarios para que a totalidade dos tramos da TAV entre Lubián e Ourense se poidan licitar o próximo ano 2009.
Blanco concluíu que "a Galicia vaille ben co PSOE e ao PSOE vaille ben con Galicia" e, en consecuencia, mostrouse convencido de que os galegos apoiarán a reelección de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta, a quen cualificou como "un valor seguro". "É unha persoa de palabra", dixo do xefe do Executivo galego, polo que deu por feito que "en marzo ou cando toque as rosas florecerán e máis galegos confiarían" no PSOE.
Finalmente, o vicesecretario xeral do PSOE recomendoulles aos militantes socialistas que non se preocupen "nin un minuto" polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, porque, segundo ironizou, "a súa carreira pende duns hilitos". "Como os hilitos de Rajoy, que son de plastilina, brandos e moldeábeis, de quita e pon", apostillou, e criticou o líder da oposición por formular unha hipotética alianza estratéxica co BNG para acurralar ao PSdeG. "Perseguiu os nacionalistas nos últimos catro anos e agora suplica deitarse con eles para arrebatarnos a Presidencia da Xunta", interpretou.
"Se queren volver ao galeguismo, que deixen de atacar a nosa lingua"
Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño considerou que o PP "ahora anda chamando á porta dos nacionalistas, pois se queren volver ao galeguismo, que deixen de atacar á nosa lingua. Se queren deixar de mirar para Madrid que non sigan boicoteando a reforma do Estatuto de Galicia".
O presidente da Xunta concluíu: "Núñez ten un problema de frivolidade e de insolvencia: tanto lle ten defender unha cousa como a outra". Cualificou ao partido popular como "o partido moroso por excelencia que non recoñece nin responde ás débedas que ten con Galicia e coloca a un insolvente como Feijoo á fronte do destino de país".