Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Igrexa de base

Crentes Galegos recollerá deica fin de ano adhesións individuais e colectivas pola laicidade

Esta fin de semana celebraron en Baltar a súa XXXI Romaxe, 'Rexos como Carballos', reivindicando o galeguismo cristián.

Redacción - 11:00 15/09/2008

A Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas vai presentar este martes oficialmente o Manifesto pola Laicidade, elaborado de forma participativa polos diferentes colectivos que agrupa a plataforma estatal Redes Cristiás.

O obxectivo é comezar unha campaña de recollida de adhesións individuais e colectivas que se estenderá deica o vindeiro 31 de decembro para posteriormente entregalas a representantes institucionais, entre estes ao presidente da Xunta e aos grupos parlamentarios; e, a nivel estatal, aos seus homólogos así como á Conferencia Episcopal Española.

O Manifesto pola laicidade denuncia os Acordos Igrexa-Estado de 1979; aposta pola separación e autonomía do político e do relixioso; avoga por un estatuto de laicidade que libere a sociedade civil dos símbolos relixiosos; critica o clericalismo e a falta de democracia da Igrexa; defende a laicidade escolar e censura o confesionalismo relixioso na escola; reproba o actual sistema de financiamento da Igrexa Católica e os seus privilexios; propugna unha presenza en igualdade de condicións da relixión nos medios de comunicación e acusa a xerarquía eclesiástica do uso contrario á liberdade relixiosa que está a facer a través da súa cadea de radio, COPE.

"Un pobo con raíces ben fondas"

Por outra banda, na carballeira de Baltar (A Pastoriza) e baixo o lema Rexos coma carballos, a Coordinadora celebrou "o privilexio de ser un pobo con raíces ben fondas das que non queremos nin podemos desprendernos: unha maneira de falar, unha maneira de bailar, unha maneira de rezar, unha maneira de tratar cos demais, coa Natureza e con Deus", segundo apuntaba Xabier Blanco, da organización, o pasado mes de xullo no Canal Irimia de Vieiros.

Miles de persoas participaron na romaxe, que chegou xa a XXXI edición, organizada pola Asociación Irimia coa colaboración da asociación cultural A Chaínza. Houbo tres homenaxes cidadás: "Unha á traxectoria da xente que está apostando na nosa terra por facer posíbel a integración do pobo xitano; outra á xente da zona da Pastoriza que apostou por darlle futuro ao noso campo a través do cooperativismo e do asociacionismo (O Caxigo e A Chaínza), e por último aos colectivos empeñados en que Galiza non sexa vendida (Galiza Non Se Vende)".


4,73/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: