Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MAGALHÃES

Hugo Chávez merca un millón de computadores portugueses que "aguantan bombardeamentos"

O presidente de Venezuela demostrou na televisión a resistencia do portátil deixándoo caer enriba da mesa.

Redacción - 11:10 15/09/2008
Hugo Chávez, este domingo en Aló Presidente

Hugo Chávez, este domingo en Aló Presidente

O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, anunciou que mercará un millón de computadores portátiles Magalhães, de fabricación portuguesa. O aparello compraceulle tanto que afirmou que era unha "beleza" e mesmo demostrou a súa resistencia deixándoo caer na mesa.

No programa Aló Presidente deste domingo, Chávez falou da relación entre Venezuela e Portugal, que enviará a América equipamentos para a construción. A colaboración esténdese tamén ao fornecemento de portátiles. O presidente venezuelano quixo demostrar, perante as cámaras, a resistencia do computador: "Explicáronme os portugueses que se pode deixar caer sen se danificar. Está feito para crianzas", dixo, e deixouno caer dende a altura dos seus ombros até a mesa.

O portátil estaba conectado. "Vexan que non se apagou. Este si é un verdadeiro computador, que aguanta bombardeamentos", dixo, e afirmou que Venezuela encargará un millón de unidades. Chávez amosou un portátil co sistema operativo Windows XP, mentres que a ministra de Telecomunicacións e Informática, Socorro Hernández, exhibiu outro coa distribución Canaima, baseada en Linux.

Mentres Hernández explicaba que son computadores para rapaces de 5 a 11 anos, coa aparencia dun maletín e que tamén poden ser usados por persoas de máis idade, Chávez interrompeuna exclamando "Que beleza!".

No primeiro trimestre de 2009 Venezuela importará 250 mil computadores e outros tantos no segundo trimestre mentres que o restante medio millón producirase en Venezuela coa axuda de Portugal.


4,43/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: