Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A PREINSCRICIÓN COMEZA O LUNS 15

O conservatorio folque múdase a Compostela para crecer

O centro, dirixido por Ugia Pedreira, instalarase na Escola de Altos Estudos Musicais, no barrio de Vista Alegre.

Marcos S. Pérez - 11:30 12/09/2008

Despois de sete anos de actividade, o Conservatorio de Música Tradicional e Folque abandona Lalín. Intalarase en Santiago de Compostela, cun forte apoio da Concellaría de Cultura, e o Consorcio da cidade e a Consellaría de Cultura, que apostaron polo centro, que nos últimos meses estivo en negociacións con outras cidades do país para atopar a súa nova ubicación. Lalín non podía soster un proxecto para o que cada ano era precisa unha achega de 150 mil euros, e que en varias das súas aulas, principalmente as de canto e gaita, estaba saturado e necesitaba crecer. Múdase para crecer, polo tanto, e mudando igualmente o seu nome polo de Centro Galego de Música Popular aCentral Folque.

Continuará a súa filosofía, pioneira en Galiza no ensino da música e os instrumentos tradicionais, apostando pola aprendizaxe crítica e a profesionalización. Tamén manterá os convenios de colaboración con centros análogos doutros países, coma o CAT (Cataluña), Dastum (Bretaña), Kodaly (Hungría), D'Orfeu (Portugal) e o Instituto Superior de Arte
(Cuba). "Os obxectivos son os mesmos", di Ramom Pinheiro, director artístico do centro, "pero agora queremos apostar por unha profesionalización do alumnado". Para iso haberá probas de acceso para o primeiro e o segudo ciclo, "queremos subir o nivel, agora que temos o sistema de ensino testado e máis pulido, despois do traballo destes anos".

O conservatorio chega a Santiago despois de negociar a súa instalación en varias cidades. "Nos quixemos permanecer en Lalín, o feito de estar ubicados nunha vila pequena era unha aposta persoal", di Pinheiro, "pero non puido ser".

Continuará o mesmo equipo que viña traballando en Lalín: Ugia Pedreira como directora, e destacados profesores como Guadi Galego (canto), Francisco Estévez 'Chuco' (percusión tradicional), Edelmiro Fernández (gaita), Óscar Fernández (zanfona), Quim Farinha (violín), Pedro Pascual (acordeón diatónico), Roberto Sala (flautas e requinta), Benxamín Otero (linguaxe musical) e Ramón Pinheiro (historia da música popular galega).

O luns 15 comezará o prazo de preinscrición, que chegará até o 1 de outubro. As aulas estarán limitadas a un máximo de 16 alumnos, para o que se realizarán unha serie de probas de acceso e nivel, que terán lugar na primeira semana de outubro, comezando as clases o 11 de outubro. A inscrición pode realizarse nas propias instalacións de aCentral, na Escola de Altos Estudos Musicais, no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela, ou a través da web www.folque.com.


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O conservatorio folque, agora aCentral, instalarase na Escola de Altos Estudos Musicais
O conservatorio folque, agora aCentral, instalarase na Escola de Altos Estudos Musicais