A clase política e o empresariado de Euskadi amosou a súa satisfacción pola sentenza que, con todo, deixa a decisión nas mans do Tribunal Superior de Xustiza.
Tribunal de Xustiza da UE, en Luxemburgo
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea determinou este xoves que as facendas forais vascas poden fixar un imposto de sociedades diferente ao do resto do Estado Español, pois dispoñen de autonomía lexislativa tributaria. Porén, será preciso comprobar se o sistema de cupo vasco non se usa para compensar a diminución dos ingresos.
O órgano europeo ditaminou que será o Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi (TSXE) o que teña a última palabra. A sentenza do tribunal europeo responde á cuestión presentada polo TSXE, que quixo que se deixase claro se a fiscalidade vasca pode ser diferente á do Estado Español, baseándose nunha decisión semellante sobre as illas dos Azores.
Coa cuestión pretendíase rematar coas disputas que xurdiron en 2005, cando as tres autoridades forais vascas baixaron o imposto de sociedades do 35% estatal ao 32,5%, o que provocou a denuncia das comunidades autónomas da Rioxa e de Castela e León.
Reaccións
Tanto o lehendakari, Juan José Ibarretxe, como os deputados xerais das tres provincias de Euskadi cualificaron de "histórica" a sentenza do tribunal de Luxemburgo, que consideraron un apoio á súa política fiscal. Así, pedíronlles ao PSOE e ao PP que freasen de vez os ataques contra o sistema económico vasco dende outros territorios mentres o defenden en Euskadi. De feito, todos os partidos e as patronais vascas recibiron, en principio, con satisfacción a nova.
O goberno navarro tamén amosou a súa ledicia pola sentenza, que permitirá que Navarra, cun sistema fiscal semellante ao vasco, tamén poida tomar decisións semellantes no futuro.