'Sur le Chemin' foi escrita a finais de 1952, o que coloca a obra recén descuberta como a segunda da súa bibliografía.
Fundador da Xeración Beat
Sur le chemin é o nome da novela que o escritor norteamericano Jack Kerouac escribiu en 1952 e que vén de ser descuberta recentemente en Nova York. Jean-Louis Lebris de Kérouac, fillo de emigrantes canadenses, é considerado como un dos mellores escritores do século XX, fundador do movemento ou Xeración Beat da literatura americana dos anos cincuenta.
Da existencia do manuscrito tívose noticia grazas a unha carta que mandou, aos poucos de rematar a novela, ao seu colega Neal Cassady, o mesmo que inspirou a personaxe de Dean Moriarty na súa famosa novela On the road. Na carta, datada en xaneiro de 1953, Kerouac escribe “pouco despois da túa marcha de México escribín en cinco horas, en francés, unha novela sobre nós de nenos […] que supón a solución ás intrigas expostas en On the road. Has rir cando o leas, heino mecanografar tan pronto como remate de traducilo”. Efectivamente, días despois Kerouac traduciu o texto. A novela chamouse en inglés Old Bull in the Bowery, e tamén ficaba inédita.
Sur le chemin é unha novela corta dunhas 50 páxinas escrito nun caderno barato e conta a historia fantástica dun grupo de amigos que quedan para un reencontro no barrio neoiorquino de Chinatown.
Era por todos coñecido o orgullo que sentía polas súas orixes canadenses, pero até o recente descubrimento desta novela ninguén sabía da existencia dunha obra literaria na súa lingua materna. Agora sabemos que Sur le chemin foi redactado en joual, a lingua do Quebec, en decembro de 1952, cando o mariño mercante se atopaba en México. A súa segunda novela proba a capacidade do escritor de se expresar na lingua dos seus devanceiros.
A prosa de Kerouac representa unha transcrición da oralidade, un francés moi próximo á lingua que escoitou de pequeno na súa infancia en Lowell, unha vila de Massachussets onde os inmigrantes canadenses conforman unha cuarta parte da poboación. O “joual kerouaquiano”, como deron en chamalo, muda a ortografía orixinal das palabras dun xeito musical único na prosa francófona. Como fai na súa obra en inglés, Kerouac pretende evocar unha literatura baseada non sons, na enerxía e na autenticidade da linguaxe da rúa.
Máis información na web de ledevoir.com