Nova Galega de Danza estrea este venres a súa última produción na procura dunha danza contemporánea de marcada raizame galega.
A compañía Nova Galega de Danza presenta a súa nova produción para a tempada 2008-2009. Tradicción e unha proposta artística de NGD e o Centro Coreográfico Galego coa que pretenden sorprender de novo ao público empregando os elementos que conforman o seu propio imaxinario colectivo.
Nesta ocasión, a posta en escena pretende ir un pouco máis aló que as producións anteriores posto que incluirá proxección de imaxes e un vestiario evocador da cultura tradicional galega, e que amosan a "adicción pola tradición" no seo desta compañía. Á parte aumenta o número de bailaríns, o que xunto coa posta en escena, fan de Tradicción, un espectáculo que impacta, utilizando o escenario como un espazo no que todo ocorre, danza, música, tradición e modernidade.
Os directores da compañía, Xaime Díaz e Vicente Colomer, estudaron, revisaron e reinterpretaron a danza tradicional máis pura a través de talleres vivenciais para, segundo Díaz "bañarse na nosa cultura de danza máis primaria e dar un chanzo máis na procura dunha danza contemporánea de marcado carácter galego".
A música de Tradicción mistura as melodías tradicionais con harmonías e texturas modernas. A colaboración do novo director musical da compañía, Pedro Lamas, co pianista jazz asturiano Jacobo de Miguel será decisiva.
A estrea da nova proposta artística da NGD terá lugar no Teatro Rosalía de Castro d’A Coruña os días 12 e 13 de setembro.