Gravarán un disco nun dos mellores estudos do Estado e asinarán un contrato cunha discográfica e máis un acordo de management.
Os rapaces de Som do Galpom foron os gañadores da segunda edición do Nsaio no Camiño na final que tivo lugar o pasado xoves día 4 en Lugo. O Nsaio é unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude para difundir a cultura musical do noso país e dar a coñecer os músicos e grupos máis novos.
Som do Galpom gravarán un disco nun dos mellores estudos do Estado Español e asinarán un contrato cunha discográfica estatal e máis un acordo de management. Á parte, o seu traballo será distribuído e promocionado por unha das entidades musicais máis importantes da Península.
Na grande final do Nsaio, certame ao que se presentaron uns 150 conxuntos, actuaron os cinco grupos que resultaron finalistas das cinco categorías a concurso: Maryland, Som do Galpom, Telémaco, Loba Loo e Sínefres e unha banda histórica: o conxunto latino-estadounidense Los Lobos.
Som do Galpom actuou ademais este sábado no Foundation Reggae Festival do Burgo (Culleredo), como premio por gañar tamén o IV Concurso da A. C. Negus.