Encontro Irmandiño e Movemento pola Base consideran que o proceso non oferece suficientes “garantías democráticas”.
O vindeiro 5 de outubro o BNG celebra unha Asemblea Nacional extraordinaria para elixir o candidato á presidencia da Xunta. O que en principio semellaba unha cita de trámite para Anxo Quintana pode mudar significativamente. Os sectores críticos coa dirección nacionalista, nucleados basicamente arredor do Encontro Irmandiño e do Movemento pola Base, non participarán no proceso asembleario se non se abre a toda a militancia. Estas dúas correntes internas consideran que o proceso non oferece “garantías democráticas” ao optarse por un sistema de delegados e non polo tradicional modelo de un afiliado un voto na asemblea.
No Consello Nacional do pasado 30 de agosto constatouse aínda máis o malestar dos sectores críticos coa dinámica interna da organización. Días antes, dirixentes do Encontro Irmandiño e do Movemento pola Base advertiran xa que se oporían enerxicamente a unha asemblea de delegados. Segundo puido saber este xornal, a decisión estaría xa tomada dentro das dúas correntes e o anuncio farase público logo da celebración das asembleas comarcais que comezan este luns.
Encontro Irmandiño, liderado por Xosé Manuel Beiras, e e Movemento pola Base, encabezado por Fermín Paz, sumaron na última Asemblea Nacional, celebrada en decembro de 2006, algo máis do 26% (17 e 9,3, respectivamente) dos votos da militancia. Pola súa parte, a candidatura de Anxo Quintana, apoiado pola UPG, sobrepasaron o 62% do voto dos afiliados. A cuarta candidatura, a da Alternativa, liderada por Charo Fernández e Camilo Nogueira, obtivo un 11%