Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
INFORME LINGÜÍSTICO

O 26% do profesorado de lingua e literatura galega fala habitualmente castelán

O Consello da Cultura Galega vén de presentar un estudo que constata que a meirande parte dos alumnos de secundaria rematan sen competencias na lingua galega.

Redacción - 18:30 05/09/2008

Un novo informe sobre a situación do galego no ensino acaba de ver a luz. Desta volta é o estudo titulado "A situación do ensino da lingua e da literatura galega na educación secundaria obrigatoria", un traballo de campo amplamente documentado que elaborou o Instituto de Ciencias da Educación, froito dun convenio co Consello da Cultura Galega. Os datos estatísticos non distan de tantos outros achegados por outras organizacións: na lingua habitualmente empregada polos alumnos detéctase un claro predominio do castelán fronte ao galego, con porcentaxes moito máis marcadas no ensino privado ca no público (nas enquisas, o 44% dos estudantes declárase bilingüe, o 28,9% emprega o castelán e o 25,7% o galego).

Máis sorprendente son os usos lingüísticos do profesorado: a lingua utilizada dentro da clase é o galego case na totalidade dos casos (os usos monolingües neste idioma superan o 90%), pero esta porcentaxe é menos contundente no emprego deste idioma fóra da clase: o monolingüismo en galego non supera neste caso o 73%. Pero os datos van aínda máis alá: obsérvase un descenso considerábel do emprego do galego na relación cos pais e cos fillos, fronte ao uso cos avós e no trato cos amigos de fóra do centro fronte aos compañeiros de traballo. Constátase así que, máis alá de estereotipos que identificarían ao profesor de galego cunha certa militancia lingüística, hai unha parte do profesorado que distingue entre o ámbito académico, no que emprega o galego, e o extraacadémico, no que a escolla da lingua depende doutros factores.

Outras conclusións
Fóra de datos específicos máis ou menos rechamantes, o informe permite tirar outras conclusións. Unha delas é que profesorado e alumnado discrepan sobre os obxectivos que procuran as materias de lingua e literatura galega. Mentres os docentes consideran que se busca a competencia comunicativa do estudante en galego, estes rexeitan uns contidos que entenden demasiado filolóxicos ou de coñecemento gramatical. Con esta constatación, ábrese unha vía de reflexión que propón que os mestres procuren enfoques máis comunicativos, tanto como a reorientación do programa didáctico.

Asemade, tamén se constata que tanto profesores como alumnos entenden que a situación sociolingüística pexa de maneira moi importante a práctica pedagóxica: consideran que a falta de compromiso das institucións e da sociedade en xeral, a escasa valoración social da lingua ou a permanencia de vellos prexuízos contribúen a dificultar uns resultados académicos satisfactorios. Neste sentido, coinciden que que a valoración social do galego é inferior á doutras materias, como por exemplo o castelán ou o inglés.

O informe presenta así un amplo abano de conclusións extraidas dun estudo iniciado en 2005 que emprega unha metodoloxía mixta (enquisas e grupos de discusión) e que, segundo explica o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, non pretende máis que abrir o debate. Na súa presentación, o tamén membro do Consello, Enrique Monteagudo, subliñou a base científica deste informe, fronte a outras publicacións como a do Club Financeiro de Vigo, á que cualificou de "calculada manobra" de atéque á lingua, sen ningún tipo de rigor nin fundamento estatístico. Xunto con Xosé Manuel Vez, subdirector do ICE, e Bieito Siva, tamén membro di ICE e director do estudo, subliñaron a importancia de deixar sobre a mesa a necesidade de abrir unha reflexión sobre as medidas que sería necesario adoptar para que se cumprise a Lei de Normalización Lingüística e, ao remate do ensino secundario, os alumnos contasen cunha competencia na lingua galega igual á que actualmente teñen en lingua castelá.


Ligazóns

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: