O vicepresidente galego pon a cara pola "transparencia" do concurso eólico e afirma que as concesións que fixo o PPdeG no seu momento foron "a dedo".
Meses antes de que se coñeza a resolución do concurso eólico, a polémica non deixa de xirar arredor das concesións. Este martes, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, defendeu a ultranza a limpeza do proceso de adxudicacións enerxéticas e asegurou que o PP critica o concurso porque “non perdoa” que haxa “transparencia” en vez do “nepotismo” e do “espolio” dos gobernos de Fraga. O líder do BNG advirte que o PP vai seguir “difamando para boicotear” este proceso.
Nunha intervención moi dura, Quintana non dubidou en empregar a retranca: “agora non vai ser un mérito ser masaxista”. O nacionalista acusou aos gobernos 'populares' de facer as concesións anteriores “a dedo”. Pola contra, defende que agora “o que queira poñer muíños terá que crear empresas e emprego”.