O vicesecretario xeral do PSdeG asegura que o partido acordou manter o calendario electoral, pero trasládalle calquera cambio á responsabilidade exclusiva do presidente.
"Non teño coñecemento de que se tomase unha decisión nese sentido", asegurou este xoves nos micrófonos da Cadena Ser o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, preguntado polo posíbel adianto das eleccións. Varela cualificou de "artificial" a polémica das últimas semanas arredor da inminencia desa decisión, malia que paradoxalmente trátase dun debate confirmado por fontes da propia dirección socialista.
Nunhas ambiguas declaracións, o líder socialista insistiu en que el persoalmente non ten coñecemento da existencia de ningunha modificación do calendario previsto, que contemplaba un posíbel adianto técnico a marzo do ano que vén para evitar a coincidencia coas eleccións europeas. Varela concedeu que o adianto se produciría se Pérez Touriño considera que vai "en favor dos intereses do país".
Ao respecto da súa propia posición sobre o tema, o vicesecretario xeral do PSdeG amosou a súa preferencia por non realizar o adianto en beneficio da "estabilidade" e a posibilidade de "acabar os proxectos" en marcha no Goberno. Con todo, esgrimiu como argumento para decidir a prol do adianto que "PP e BNG están xa en campaña electoral", atribuíndolles aos rivais políticos teren creado un escenario que sería insostíbel manter "durante sete meses máis".