A secretaria de Políticas Sociais do PSdeG difunde un belixerante comunicado contra Vicepresidencia, desde onde lle lembran o recorte de fondos que impuxo o goberno español.
"Había máis de 100 millóns de euros destinados só para o pago aos coidadores, alén dos orzamentos para centros de día e outros recursos, onde están investidas esas cifras?". Así interpelaba este mércores a secretaria de Políticas Sociais do PSdeG, Adoración Fernández, á Vicepresidencia da Xunta. Fernández acusou o departamento liderado por Anxo Quintana de causar unha demora no desenvolvemento da Lei de Atención á Dependencia e pediulle aclarar "prioridades, necesidades urxentes de investimentos e o destino do financiamento". Segundo a socialista, centos de familias "agardan desde hai meses ser valoradas para poderen recibir as axudas que por lei lles corresponden".
Ao fío, desde Vicepresidencia facían público que o Sistema de Atención á Dependencia valorou xa a 41.881 persoas con dependencia, o 90,35% das solicitudes presentadas. Desde o mesmo departamento aseguraban ademais que un total de 39.233 galegos están a beneficiarse xa das prestacións do Sistema Galego de Benestar dentro da área de autonomía persoal. Sinalan de xeito concreto que un total de 2.222 persoas reciben o pagamento como coidadores habituais de dependentes.
Por outra parte, Vicepresidencia aproveita para recordar que a última reunión do Consello Territorial da Dependencia trouxo un recorte de fondos nesta área, de xeito que o goberno español reduciu á metade os cartos inicialmente prometidos para atender a aplicación da lei.